GALIA TECH regresa para achegar a intelixencia artificial ao tecido produtivo galego

DATAlife organiza a segunda edición de GALIA TECH, un encontro de referencia sobre intelixencia artificial impulsado desde Galicia, que reunirá empresas, centros de coñecemento e axentes do ecosistema innovador.

Tras o éxito da súa primeira edición, que contou coa participación de máis de 130 asistentes, GALIA TECH regresa cunha nova xornada dedicada a coñecer de preto as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial e o seu impacto na transformación dos diferentes sectores produtivos.

A primeira edición superou as expectativas da organización grazas a un programa marcado polo debate, a colaboración entre entidades e a presenza de demostradores tecnolóxicos que permitiron ao público coñecer de primeira man diferentes aplicacións da IA.

Nesta segunda edición, o encontro volverá poñer o foco en achegar a intelixencia artificial á realidade das empresas e do tecido produtivo galego, facilitando un espazo para coñecer, experimentar e comprender tecnoloxías que xa están a transformar numerosos ámbitos.

Un programa para coñecer e experimentar coa IA

A programación de GALIA TECH incluirá relatorios a cargo de persoas referentes no desenvolvemento e aplicación da intelixencia artificial, que achegarán diferentes perspectivas sobre o presente e o futuro desta tecnoloxía.

O evento contará tamén cun espazo de demostradores, no que as persoas asistentes poderán probar tecnoloxías e coñecer de maneira práctica algunhas das aplicacións que a intelixencia artificial xa está a ofrecer.

Outro dos eixos da xornada será o networking, cunha oportunidade para establecer contactos e xerar novas sinerxías entre empresas, centros de coñecemento e diferentes axentes vinculados ao ecosistema innovador galego.

Con esta segunda edición, DATAlife reafirma o seu compromiso coa divulgación e transferencia de coñecemento en materia de intelixencia artificial, promovendo un punto de encontro entre tecnoloxía, empresa e innovación.

As persoas interesadas en participar xa poden reservar a súa praza para formar parte dunha xornada pensada para vivir a intelixencia artificial desde dentro e descubrir como pode contribuír á transformación do tecido produtivo galego.