Queixas veciñais pola acumulación de maleza nun camiño de Bertamiráns

Veciños de Bertamiráns denuncian o estado de abandono dun camiño situado no Paseo do Parque do Ameneiral, xunto ás hortas, debido á acumulación de maleza.

Segundo a denuncia trasladada polos residentes, a vexetación foi gañando terreo nos últimos tempos ata dificultar considerablemente o paso por este tramo, utilizado habitualmente polos peóns.

Os veciños advirten de que, se non se realizan labores de limpeza e desbroce nos próximos días, o camiño podería quedar practicamente intransitable. «Se non o limpan nunha semana, directamente deixará de ser un camiño», sinalan.

A situación está a xerar malestar entre os usuarios da zona, que reclaman un maior mantemento destes espazos públicos. Consideran que deberían conservarse en condicións adecuadas para garantir que sexan accesibles, transitables e poidan ser desfrutados por toda a veciñanza.

A petición veciñal pasa agora por que se acometan canto antes os traballos necesarios para retirar a maleza e recuperar o camiño.