
A terceira fase da actuación permite achegar este servizo básico a novas vivendas da zona
O Concello de Cabanas vén de finalizar as obras correspondentes á terceira fase da ampliación da rede de saneamento en A Veiga-Batán, unha actuación que contou cun investimento de 49.942,83 euros, IVE incluído, financiado con cargo ao POS+2/2024.
Os traballos permitiron estender o servizo de saneamento a novas vivendas que ata o de agora non dispoñían desta infraestrutura. A actuación incluíu a instalación das distintas tubaxes, a conexión coa rede existente, a colocación dunha bomba de impulsión e o soterramento da liña eléctrica encargada de subministrar enerxía á infraestrutura.
Esta intervención corresponde á Fase III do proxecto de saneamento de A Veiga-Batán e dá continuidade ás actuacións desenvolvidas para ampliar progresivamente a rede municipal e facilitar o acceso aos servizos básicos a máis veciñas e veciños do municipio.
O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, salientou a prioridade do Concello na prestación e mellora dos servizos básicos, destacando a importancia desta actuación polo seu alcance.
Neste sentido, lembrou tamén outras intervencións executadas nos últimos meses, como a ampliación da rede de saneamento en A Barrosa ou a ampliación da rede de abastecemento de auga no Salgueiral.
Ademais, o goberno municipal traballa na planificación de novas actuacións relacionadas co soterramento de servizos e a creación de novas infraestruturas, a través de diferentes proxectos que xa están redactados ou se atopan actualmente en proceso de tramitación.
Con esta nova fase, o Concello de Cabanas continúa coa ampliación das redes municipais de saneamento e abastecemento, co obxectivo de mellorar os servizos públicos e estendelos progresivamente ás zonas que aínda carecen deles.



