
A formación socialista destaca os investimentos en estradas, accesos e seguridade viaria e reclama que o POS+ de 2027 priorice a ampliación da rede municipal de abastecemento
Zas, 17 de setembro de 2026. O PSdeG de Zas valorou positivamente a aprobación do POS+ Adicional 2/2026 da Deputación da Coruña, un programa que permitirá mobilizar 827.789,74 euros en actuacións no municipio, dos cales 701.152,78 euros proceden da institución provincial e 126.636,96 euros serán achegados polo Concello de Zas.
A portavoz socialista, Sheila Rial, destacou especialmente que varias das actuacións incluídas no programa responden a demandas que a súa formación viña trasladando en anteriores sesións plenarias.
Entre os proxectos previstos figuran o ensanche da estrada entre Lamas e Vilachán, o ensanche da estrada entre Romelle e as Edreiras e o arranxo do firme en Lamas. “Son peticións que levamos tempo trasladando ao Pleno e que agora poden avanzar cara á súa execución, todas elas grazas aos fondos da Deputación”, sinalou Rial.
O investimento contempla tamén traballos de rehabilitación do aglomerado en diferentes estradas e accesos, así como regos asfálticos en Mira, Muiño, Lamas e Baio. Ademais, están previstas actuacións relacionadas coa seguridade viaria, como a instalación de reductores de velocidade.
Dentro do programa inclúese igualmente a creación dunha senda peonil entre Ventoselo e Gontalde, unha actuación que contará cunha achega municipal de 126.636,96 euros.
“É importante que as demandas da veciñanza non queden en promesas pendentes, senón que se convertan en obras concretas, como ocorre con este novo POS+ Adicional”, afirmou a concelleira socialista.
Rial tamén puxo en valor o papel da Deputación da Coruña no financiamento das actuacións municipais. A portavoz do PSdeG considera positivo que a institución provincial continúe achegando recursos aos concellos para atender necesidades que, segundo sinala, levan tempo sendo reclamadas pola veciñanza.
“Aínda que algunhas destas actuacións non se materialicen ata o vindeiro ano, é positivo que a Deputación da Coruña continúe apostando polos concellos e achegando recursos para atender necesidades que levan tempo sendo reclamadas”, indicou.
O abastecemento de auga, prioridade para 2027
De cara ao POS+ de 2027, Sheila Rial adiantou que o PSdeG de Zas continuará reclamando investimentos para ampliar a rede municipal de abastecemento de auga.
“Como concelleira, seguirei reclamando que o abastecemento chegue aos núcleos que aínda non dispoñen deste servizo en condicións adecuadas, especialmente a lugares como Pudenza e A Lagoa, onde esta necesidade é urxente”, asegurou.
Deste xeito, os socialistas de Zas sinalan como prioridade para os próximos plans provinciais a mellora dos servizos básicos e a atención ás necesidades de núcleos que, segundo a formación, aínda presentan carencias na rede municipal de abastecemento.
