
O futuro centro terá capacidade para 30 usuarios e formará, xunto co equipamento previsto no Porriño, un dos proxectos residenciais promovidos pola Xunta na provincia de Pontevedra
Baiona (Pontevedra), 17 de setembro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta tarde xunto co alcalde de Baiona, Jesús Almuíña, os terreos propostos polo Concello para a construción da futura residencia de maiores do municipio.
Durante a visita, García puxo en valor a rapidez coa que o Concello de Baiona se adheriu ao proxecto impulsado pola Xunta de Galicia e destacou a súa disposición para propoñer unha parcela na que desenvolver o novo equipamento. O terreo deberá ser agora sometido á correspondente avaliación para comprobar que cumpre cos requisitos necesarios para levar adiante a actuación.
A futura residencia de Baiona contará con 30 prazas e estará deseñada para atender ás necesidades das persoas maiores do municipio e da súa contorna. O centro complementarase coa residencia prevista no Porriño, de maior dimensión e con máis dun centenar de prazas.
Segundo explicou a conselleira, ambos os proxectos están concibidos de maneira conxunta debido á proximidade dos dous municipios, co obxectivo de favorecer un maior aproveitamento dos recursos e ampliar a cobertura territorial dos servizos destinados ás persoas maiores.
García salientou tamén o impacto que a nova residencia pode ter en Baiona e na súa contorna, tanto desde o punto de vista social como económico. A posta en marcha do equipamento permitirá reforzar a rede de atención ás persoas maiores e prevese que contribúa á creación de emprego vinculado ao sector sociosanitario e dos coidados.
Sete novos centros na provincia de Pontevedra
Baiona e O Porriño forman parte dos concellos seleccionados pola Xunta dentro do seu proxecto para ampliar a rede de residencias de maiores. Na provincia de Pontevedra están previstos sete novos equipamentos.
Na comarca do Salnés, Sanxenxo acollerá a residencia principal e Cambados o centro de menor capacidade. Na contorna de Pontevedra, os equipamentos estarán situados en Marín, como residencia de maior envergadura, e Moraña, como centro complementario ou satélite.
Na área do Condado-Paradanta, Arbo albergará a residencia de maior capacidade, mentres que Padrenda, na provincia de Ourense, contará co equipamento de menor tamaño. Este último constitúe o único lote do proxecto compartido entre dúas provincias.
En total, o plan da Xunta contempla 24 novos centros residenciais en concellos de menos de 25.000 habitantes, aos que se suma o equipamento comprometido en Ribeira. O conxunto das actuacións permitirá incorporar máis de 1.800 prazas residenciais, das que, como mínimo, o 60 % serán de titularidade pública.
A Xunta estima ademais que o desenvolvemento destes novos centros permitirá xerar arredor de 1.000 postos de traballo relacionados co sector dos coidados.
Os concellos dispoñen dun ano para poñer os terreos á disposición
O pasado martes, a Xunta remitiu aos concellos seleccionados como posibles emprazamentos un documento de adhesión á iniciativa. As entidades locais dispoñen dun prazo dun mes para formalizar a súa incorporación ao proxecto.
Unha vez recibida a comunicación, os concellos terán un prazo de ata un ano para facer efectiva a posta á disposición dunha parcela que cumpra cos requisitos establecidos para a construción dos novos centros residenciais.

