O BNG denuncia o «caos» na liña de autobús entre Carballo e A Coruña e reclama medidas urxentes á Xunta

A formación nacionalista denuncia que usuarios quedan sen poder subir aos autobuses e reclama máis frecuencias, horarios fiables e un sistema de seguimento en tempo real

Carballo, 19 de setembro de 2026. O BNG de Bergantiños volveu denunciar os problemas que, segundo a formación, se están producindo na liña de autobús que conecta Carballo con A Coruña e que opera a compañía Arriva. Os nacionalistas reclaman á Xunta de Galicia que adopte medidas urxentes ante unha situación que cualifican de «caótica» e que estaría deixando diariamente persoas usuarias sen poder acceder ao servizo.

O responsable comarcal do BNG en Bergantiños, Xosé Manuel Pose, denunciou o que considera un «maltrato» ás persoas que utilizan o transporte público. Segundo explicou, estanse producindo situacións nas que usuarios quedan en terra, autobuses non realizan determinadas paradas establecidas e, ademais, estaríase dando prioridade a persoas en función do seu destino final.

A formación nacionalista lembra que a propia Consellería de Presidencia, responsable das competencias en materia de Mobilidade, asegurara nunha resposta parlamentaria ao deputado do BNG Óscar Insua que os pregos das concesións de transporte regular por estrada «establecen a prohibición de fixar preferencias de acceso ao servizo en función do ámbito xeográfico ao que viaxen as persoas usuarias».

Nesa mesma resposta, a Xunta sinalaba que, tras requirir á empresa concesionaria, non tiña constancia de que a situación denunciada se volvese producir e aseguraba manter un seguimento continuo do servizo.

Porén, o BNG afirma que o problema volveu repetirse este venres, 18 de setembro, cando, segundo a súa denuncia, a operadora deu prioridade no acceso ao autobús a persoas que se dirixían a determinados destinos, deixando novamente usuarios sen poder viaxar desde a estación da Coruña.

Máis frecuencias e unha reforma do servizo

O BNG considera insuficiente a actual organización da liña e reclama que se incrementen as frecuencias nos días e franxas horarias de maior demanda. A formación defende tamén unha reformulación do transporte público na comarca de Bergantiños para adaptalo ás necesidades reais da poboación.

«O Goberno galego de Rueda debería tomar en serio dunha vez o transporte público e planificar un servizo que de verdade atenda as necesidades da veciñanza de Carballo e da comarca», afirmou Óscar Insua, quen anunciou novas iniciativas parlamentarias para abordar esta situación.

O deputado nacionalista tamén cuestionou os horarios publicados pola compañía, ao considerar que non se corresponden cos servizos que finalmente se están prestando. Neste sentido, reclamou a posta en marcha dun sistema que permita consultar por internet, e en tempo real, a localización dos autobuses e o desenvolvemento dos seus itinerarios.

Desde o BNG sosteñen que os problemas da liña non son novos e que afectan especialmente ás persoas que dependen do transporte público para acudir ao traballo, aos centros sanitarios ou aos centros educativos da Coruña.

«Hai moito tempo que desde o BNG vimos denunciando os problemas existentes no transporte público en Bergantiños, que non se adapta aos horarios laborais dos que traballan nas cidades, nin aos dos doentes que teñen que acudir diariamente aos centros sanitarios da Coruña, nin aos estudantes que se desprazan a diario», sinalou Insua.

Segundo o deputado, as persoas que quedan sen poder utilizar o autobús vense obrigadas en moitos casos a recorrer ao vehículo particular, co consecuente incremento dos custos de desprazamento.

Insua tamén criticou o pagamento das peaxes da autovía e cuestionou que a Xunta reclame un maior uso do transporte público mentres, ao seu xuízo, persisten problemas de frecuencias, horarios e capacidade na conexión entre Bergantiños e A Coruña.

«Logo a Xunta quere que a xente utilice o transporte público, e pregúntome eu como van querer con servizos tan caóticos e precarios como o desta comarca», concluíu.