
O pleno municipal aprobou tamén o POS Adicional 2, dous convenios de colaboración e unha moción sobre Ceuta e Melilla
Dodro, 18 de setembro de 2026. – O Concello de Dodro celebrou o pleno ordinario do mes de setembro, no que se aprobaron diversos asuntos relacionados coa xestión municipal, entre eles o Plan de Obras e Servizos Adicional 2 da Deputación da Coruña, dous convenios de colaboración con concellos da contorna e o informe de fiscalización do Consello de Contas.
Precisamente, o informe do Consello de Contas de Galicia, emitido na reunión do pasado 29 de xullo, sitúa o Concello de Dodro nun nivel de madurez económica alto. O documento deriva da información que as entidades locais galegas deben remitir obrigatoriamente ao órgano fiscalizador e na que se inclúen cuestións relacionadas co contorno de control interno, os contratos e os convenios asinados.
Segundo o Concello, o resultado correspondente ao segundo trimestre do ano supón un aval á súa xestión económica e ao funcionamento dos mecanismos de control municipal.
299.000 euros para obras no municipio
Outro dos asuntos destacados da sesión foi a aprobación do Plan de Obras e Servizos (POS) Adicional 2 da Deputación da Coruña, que contempla un investimento de 299.000 euros en diferentes actuacións no municipio.
A proposta saíu adiante cos votos favorables do PSdeG, Unidade Veciñal de Dodro e BNG, mentres que Xente de Dodro e Partido Popular optaron pola abstención.
Entre as actuacións previstas na primeira fase figuran as melloras no lavadoiro de Castro, a mellora do viario entre Rebixos e Susavila e a reparación da escola unitaria de Traxeitos.
Na segunda fase están previstas distintas intervencións de mellora viaria, entre elas as actuacións en Lestrobe, no viario de Teaio a Bustelo, en Bexo, no viario do Muíño da Devesa en Teaio e no viario norte, entre A Devesa e o campo da Chisca.
Dous convenios para optar a axudas da Xunta
O pleno tamén deu luz verde a dous convenios de colaboración destinados a facilitar a solicitude de axudas autonómicas.
O primeiro deles articula a colaboración entre Dodro, Padrón, Valga, Rois, Catoira e Pontecesures para presentar unha solicitude conxunta ao programa integrado de emprego 2026-2027. O acordo contou co apoio de todos os grupos municipais, coa abstención de Xente de Dodro.
O segundo convenio reúne os concellos de Dodro, Padrón, Valga, Rois e Rianxo para solicitar unha axuda destinada ao Proxecto de Prevención de Condutas Aditivas. A proposta tamén foi aprobada cos votos favorables de todos os grupos, mentres Xente de Dodro se abstivo.
O pleno rexeita unha moción do PP sobre Ceuta e Melilla
Na parte de mocións, o Partido Popular presentou unha iniciativa relativa á defensa da soberanía española sobre Ceuta e Melilla.
A moción foi rexeitada ao contar unicamente cos votos favorables do Partido Popular e Xente de Dodro, mentres que o resto dos grupos municipais votaron en contra.
