O PSOE da Laracha critica a “falta de previsión” do Goberno local nos parques infantís e no servizo de conciliación

Inés Ramos cuestiona o investimento nos parques infantís, o límite de 150 prazas do programa Harmoniza e o destino dos fondos do POS+ Adicional 2/2026

A Laracha, 18 de setembro de 2026. — A voceira do PSdeG-PSOE na Laracha, Inés Ramos, fixo balance dos asuntos debatidos no Pleno municipal celebrado este xoves, no que o Grupo Municipal Socialista apoiou as principais propostas de investimento sometidas a votación, aínda que criticou o que considera “importantes eivas de xestión e planificación” por parte do Goberno local do PP.

Un dos asuntos abordados foi o proxecto de construción e mellora de parques infantís, cun orzamento de 120.695,04 euros, destinado a actuacións nos núcleos de Paiosaco, Lendo, Vilaño e Coiro.

Os socialistas xustificaron o seu voto favorable pola necesidade de mellorar estes espazos públicos, pero cualificaron o investimento de “modesto” e cuestionaron o que consideran un “modelo fotocopia”, ao entender que se reproducen os mesmos elementos sen ter en conta as características e necesidades específicas de cada localización.

Ramos denunciou tamén a ausencia de xogos adaptados para nenos e nenas con diversidade funcional, así como a falta de cubertas ou solucións de protección fronte ás condicións climáticas.

No caso de Coiro, a voceira socialista expresou ademais a súa preocupación pola localización prevista, sobre un aparcadoiro público, e polos permisos que aínda estarían pendentes de diferentes organismos, entre eles Augas de Galicia, Patrimonio e a Deputación.

Críticas ao programa de conciliación Harmoniza

Outro dos puntos tratados no Pleno foi a modificación da ordenanza do programa de conciliación Harmoniza, á que o PSOE votou favorablemente para permitir o incremento do número de prazas.

Porén, Ramos criticou a planificación do Goberno local e asegurou que a ordenanza aprobada en 2024, que establecía un límite de 120 prazas, “naceu obsoleta”.

“Con 154 solicitudes sobre a mesa, reaccionan de urxencia e fixan o novo límite en 150 prazas, o que aínda deixa marxe para deixar familias fóra”, afirmou a portavoz socialista.

Neste sentido, o PSOE reclamou un compromiso de “taxa cero” nas listas de agarda e a dotación do persoal de apoio que sexa necesario para atender a demanda do servizo.

O PSOE apoia os fondos do POS+ Adicional

O grupo municipal socialista tamén apoiou a solicitude de fondos correspondentes ao POS+ Adicional 2/2026 da Deputación da Coruña, que suporán unha achega de 761.015,86 euros para o Concello da Laracha.

Ramos destacou que o financiamento procede integramente do organismo provincial e que, polo tanto, non supón un custo para as arcas municipais. Con todo, criticou a distribución prevista dos recursos, ao considerar que existe “falta de ambición” por parte do Goberno local.

Segundo sinalou, máis do 75 % dos fondos se destinará ao reasfaltado de viais, en lugar de apostar tamén por actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética ou o reforzo dos servizos sociais.

Acondicionamento do almacén municipal

Finalmente, o PSOE valorou positivamente o proxecto de acondicionamento do almacén municipal da Rúa Ponte da Balsa, cun orzamento de 75.255,37 euros.

Ramos considerou especialmente positiva a retirada do fibrocemento da cuberta por razóns relacionadas coa saúde e a seguridade laboral. Non obstante, lembrou que a instalación se atopa fóra de ordenación e reclamou “dilixencia” na tramitación dos permisos ambientais necesarios ante Augas de Galicia, co obxectivo de cumprir o prazo de execución establecido, de catro meses.

O PSOE da Laracha sinala así que manterá unha posición de apoio aos investimentos que considere necesarios para o municipio, á vez que reclama ao Goberno local unha maior planificación e adaptación dos proxectos ás necesidades concretas das parroquias e das familias.