
O accidente, no que se viron implicados catro vehículos, produciuse esta mañá na AG-55, á altura de Monteagudo
Dúas persoas resultaron feridas este sábado tras producirse unha colisión múltiple na autovía AG-55, ao seu paso por Arteixo. No accidente víronse implicados un total de catro vehículos.
O aviso ao 112 Galicia recibíase poucos minutos despois das 09:00 horas. Un particular implicado no sinistro alertaba dun choque no quilómetro 19,8 da AG-55, na zona de Monteagudo, e solicitaba asistencia sanitaria para unha das persoas afectadas.
Tras recibir a chamada, o 112 Galicia mobilizou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Arteixo, efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil e persoal encargado do mantemento da estrada.
Unha vez no lugar do accidente, os axentes de Tráfico informaron de que un dos vehículos implicados comezara a arder, polo que tamén se solicitou a intervención dos Bombeiros de Carballo, ademais dos efectivos de Arteixo.
Os servizos de emerxencias traballaron na zona para atender os afectados e controlar a situación. Finalmente, tras completar a evacuación, o 061 confirmou ao 112 Galicia o traslado de dúas persoas feridas.
As circunstancias nas que se produciu a colisión están a ser investigadas.
