Comezan as obras de mellora do pavimento das beirarrúas da rúa José Boga

Carral | Xa están en marcha as obras de mellora do pavimento das beirarrúas da rúa José Boga, unha actuación que permitirá renovar por completo un tramo de 132 metros e mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade para as persoas usuarias.

O proxecto conta cun investimento de 44.088,67 euros e contempla a renovación integral das beirarrúas, que presentan actualmente un estado susceptible de mellora. Os traballos permitirán dotar este espazo dunha superficie máis cómoda e accesible para os peóns.

As actuacións inclúen a retirada do pavimento e dos bordos existentes, que serán substituídos por unha nova base de formigón, novos bordos prefabricados e un pavimento de adoquín de formigón.

A intervención tamén prestará especial atención á accesibilidade nos pasos de peóns. Nestes puntos instalarase pavimento táctil direccional e abotoado, adaptado á normativa vixente e destinado a facilitar a mobilidade das persoas con discapacidade visual.

Con esta actuación, o Concello de Carral continúa coa mellora e renovación dos espazos públicos do municipio, co obxectivo de avanzar cara a un Carral máis accesible, cómodo e seguro para toda a veciñanza.