A Garda Civil intervén máis de 83.000 xoguetes tóxicos e perigosos en verbenas de Galicia

Os produtos, procedentes de países de fóra da Unión Europea, carecían da documentación necesaria para acreditar a súa importación legal e presentaban graves deficiencias de seguridade

A Garda Civil interveu un total de 83.836 xoguetes que carecían da documentación necesaria para acreditar a súa importación legal e que, ademais, presentaban graves deficiencias de seguridade. Os produtos estaban destinados á venda en diferentes postos ambulantes instalados con motivo das festas patronais en varios municipios galegos.

O operativo foi desenvolvido por efectivos da Patrulla Fiscal e Fronteiras da Coruña e do Destacamento Fiscal e Fronteiras do Porto da Coruña, no marco das inspeccións realizadas polo Servizo Fiscal durante os meses de xullo, agosto e setembro.

As primeiras actuacións levaron os axentes a inspeccionar diferentes postos de venda ambulante instalados durante as festas patronais dos municipios de Sada, Arteixo, Culleredo e Carral.

Nesta primeira fase da operación, a Garda Civil inmobilizou 2.872 xoguetes que estaban preparados para a súa distribución directa ao público. Os artigos procedían de países alleos á Unión Europea e os responsables dos postos non puideron achegar a documentación que acreditase a súa importación lícita.

Falta de advertencias e marcado CE

Durante as inspeccións tamén se detectaron diferentes incumprimentos da normativa sobre seguridade dos xoguetes. Entre as deficiencias atopadas figuraban a ausencia das advertencias obrigatorias e a falta do marcado CE visible, lexible e indeleble.

Estas anomalías están contempladas no Real Decreto 1205/2011, do 11 de xuño, sobre a seguridade dos xoguetes, normativa destinada a garantir que este tipo de produtos cumpran os requisitos de seguridade antes de seren postos á disposición dos consumidores.

A intervención destes artigos permitiu retirar do circuíto comercial produtos que, segundo a Garda Civil, non ofrecían as garantías esixibles para a súa venda ao público.