
A compañía formou preto de 1.500 mozos e mozas de Galicia desde 2014 e máis do 60% do alumnado continúa posteriormente na empresa cun contrato indefinido
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026. – Grupo Hotusa destinou máis de 654.120 euros en bolsas aos 158 alumnos e alumnas galegos que participaron durante o curso 2025-2026 no seu programa de Formación Profesional (FP) Dual, desenvolvido en colaboración con 13 centros educativos e 13 titulacións da comunidade.
A iniciativa, posta en marcha en 2014, combina a formación académica coa experiencia profesional nos hoteis e nas sedes operativas de Grupo Hotusa. Desde o inicio do proxecto, preto de 1.500 mozos e mozas de Galicia participaron neste programa, que busca facilitar a súa incorporación ao mercado laboral e favorecer a retención do talento no territorio.
A experiencia formativa constitúe tamén unha vía de acceso ao emprego na propia compañía. Máis do 60% dos alumnos que rematan as súas prácticas continúa posteriormente en Grupo Hotusa mediante un contrato indefinido. Entre aqueles que non se incorporan á empresa teñen un peso importante decisións persoais, como continuar estudos universitarios ou as dificultades derivadas do lugar de residencia.
Formación práctica en diferentes áreas
Durante o último curso, os 158 estudantes participantes en Galicia recibiron formación práctica remunerada, con máis de 650.000 euros destinados a axudas en forma de bolsas, en áreas tan diversas como aloxamentos, restauración, cociña, mantemento, administración, spa e informática.
O programa permite ao alumnado complementar os coñecementos adquiridos nos centros educativos cunha experiencia directa no ámbito profesional, achegándoo ao funcionamento diario dunha compañía turística multinacional.
Esta aposta pola formación e pola incorporación de talento local responde á visión estratéxica de Grupo Hotusa sobre o impacto económico e social da actividade empresarial nos territorios nos que está presente.
O presidente de Grupo Hotusa, Amancio López, salienta neste sentido a importancia de xerar oportunidades profesionais vinculadas ao territorio:
“A sustentabilidade tamén é importante desde o punto de vista económico e social. Evitar que a xente teña que marchar do seu pobo ou territorio é fundamental. Antes as persoas debían viaxar alí onde estaba o traballo, agora o traballo viaxa a onde están as persoas e as empresas teñen o reto de situarse alí onde estea a calidade humana”.
Un programa con presenza en oito comunidades autónomas
A iniciativa desenvolvida en Galicia forma parte do despregamento nacional do programa de FP Dual de Grupo Hotusa. Durante o curso 2025-2026 participaron 272 alumnos e alumnas, xunto con 60 centros educativos pertencentes a oito comunidades autónomas.
Con esta traxectoria, Grupo Hotusa consolida a súa colaboración co sistema educativo da Formación Profesional e reforza a súa aposta pola formación práctica como ponte cara ao mercado laboral.
O programa permite así que os estudantes coñezan de primeira man o día a día dunha compañía turística multinacional, adquiran experiencia profesional e desenvolvan novas competencias antes de afrontar a súa incorporación ao mundo laboral.


