23 de setembro: Día Internacional das Linguas de Signos

A CNSE reclama a presenza das linguas de signos na sanidade, na educación e nos servizos públicos

A entidade advirte de que a transformación dixital pode xerar novas barreiras para as persoas xordas se non se ten en conta a accesibilidade desde o deseño das tecnoloxías

GALICIA, 21 de setembro de 2026.– Ir ao médico e comprender o que lle sucede a unha persoa, seguir unha clase ou participar nun procedemento xudicial con todas as garantías son situacións cotiás nas que o exercicio efectivo dun dereito pode depender, no caso das persoas xordas, da posibilidade de utilizar a súa propia lingua.

Con motivo do Día Internacional das Linguas de Signos, que este ano se celebra baixo o lema “Reivindicando os dereitos humanos das persoas xordas”, a CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas) pon o foco na distancia que aínda existe entre o recoñecemento dun dereito e a súa aplicación efectiva na vida diaria.

“Hemos avanzado moito no recoñecemento, pero os dereitos mídense na vida real. Nunha consulta médica, nunha aula, ante unha administración ou en calquera situación na que unha persoa xorda necesite comunicarse e tomar as súas propias decisións”, afirma Roberto Suárez, presidente da CNSE.

A entidade lembra que continúan producíndose situacións nas que as persoas xordas deben recorrer a familiares, buscar alternativas de comunicación ou depender de solucións improvisadas para acceder a servizos que deberían estar preparados para atendelas en condicións de igualdade.

“Non se trata de pedir un trato especial. Trátase de autonomía e do exercicio efectivo dos nosos dereitos lingüísticos”, sinala a organización.

Leis que deben chegar á vida cotiá

Esta reivindicación adquire especial relevancia tras a recente aprobación parlamentaria da reforma das leis de discapacidade e dependencia, que reforza aspectos relacionados coa inclusión, a autonomía e a accesibilidade universal xa recollidos noutras normas.

Entre os aspectos máis relevantes atópase o reforzo da accesibilidade á información e ás comunicacións, que deberá traducirse en recursos adecuados e suficientes, entre eles a lingua de signos, a subtitulación e outros apoios, en función das necesidades e preferencias de cada persoa.

A reforma incorpora tamén avances concretos, como a accesibilidade da teleasistencia para as persoas xordas que se atopen en situación de dependencia, contemplando a videointerpretación e a comunicación directa en lingua de signos.

Para a CNSE, o seguinte paso é fundamental: conseguir que o aprobado se aplique de maneira efectiva.

“Unha lei pode recoñecer un dereito, pero fan falta recursos, profesionais e servizos estables para que ese dereito chegue ás persoas”, destaca o seu presidente.

Por este motivo, a Confederación reclama que a lingua de signos forme parte da planificación ordinaria de servizos esenciais como a sanidade, a educación, a xustiza, os servizos sociais e as administracións públicas.

“A accesibilidade non pode depender de atopar unha solución no último momento. Ten que estar prevista desde o principio”, defende a entidade.

Evitar que as novas tecnoloxías creen novas barreiras

A garantía dos dereitos non pasa unicamente por eliminar as barreiras existentes. A rápida transformación dixital abre tamén un novo escenario no que as decisións que se toman actualmente poden determinar como accederán as persoas xordas á información e aos servizos nos próximos anos.

Neste contexto, a CNSE chama a atención sobre o desenvolvemento da intelixencia artificial e doutras novas tecnoloxías.

“A intelixencia artificial ofrece posibilidades para mellorar a comunicación e o acceso á información, pero tamén pode crear novas formas de exclusión se as linguas de signos e a realidade das persoas xordas non se teñen en conta desde o deseño destas tecnoloxías”, advirte Suárez.

A recente reforma incorpora algunhas garantías relacionadas cos sistemas automatizados das administracións e contempla recursos accesibles, incluída a lingua de signos cando sexa necesaria para comprender a información.

Para a CNSE, porén, existe unha condición imprescindible: garantir a participación activa da comunidade xorda no deseño destas novas ferramentas.

“Temos a oportunidade de facer as cousas ben desde o comezo, incorporando as linguas de signos e contando coas persoas xordas no deseño destas tecnoloxías que van formar parte da nosa vida”, sinala o presidente da Confederación.

Neste Día Internacional das Linguas de Signos, a CNSE reclama así un compromiso tanto para o presente como para o futuro: que as persoas xordas poidan exercer hoxe os seus dereitos lingüísticos na súa propia lingua e que os novos espazos, servizos e tecnoloxías se constrúan desde o principio baixo criterios de accesibilidade e sen deixar ninguén atrás.