O PSOE de Arteixo reclama o arranxo inmediato do baño adaptado do Centro Cívico

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo rexistrou un rogo para instar ao Goberno local a reparar canto antes o aseo adaptado para persoas con discapacidade situado no Centro Cívico municipal. A iniciativa parte das queixas trasladadas por veciños e usuarios da instalación ao voceiro socialista, Martín Seco.

Segundo explica a formación, o baño permanece inutilizable desde hai meses debido á falta de tapa e asento, unha situación que, ao seu xuízo, dificulta o uso das instalacións por parte de persoas maiores e con problemas de mobilidade.

O voceiro do PSOE de Arteixo, Martín Seco, considera que a situación evidencia unha falta de mantemento nun espazo municipal de uso frecuente.

“Resulta incomprensible que o Concello manteña durante meses un baño adaptado totalmente fóra de servizo nun dos edificios municipais máis concorridos. Non é un problema de orzamento, é unha falta absoluta de atención aos detalles máis básicos e ás necesidades das persoas con discapacidade”, criticou Seco.

Os socialistas reclaman ao Executivo local de Carlos Calvelo que proceda ao arranxo inmediato do aseo e garanta que o equipamento adaptado estea plenamente operativo para as persoas usuarias do Centro Cívico.

A formación municipal sinala que o correcto mantemento destes espazos resulta especialmente relevante para garantir a accesibilidade e evitar que pequenos problemas de conservación se convertan en obstáculos para persoas con mobilidade reducida.