
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026.– O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou este mediodía na xuntanza anual das residencias da Asociación galega de residencias e centros de anciáns de iniciativa social (Acolle), celebrada en Santiago de Compostela.
A iniciativa reuniu a máis dun cento de persoas maiores e profesionais dos centros asociados á entidade nunha xornada de convivencia e actividades lúdicas que se converte, cada ano, nun punto de encontro para residentes e traballadores procedentes de diferentes puntos de Galicia.
Durante o encontro, Antón Acevedo trasladou os parabéns da Xunta de Galicia a Acolle pola organización desta nova edición e destacou o traballo que desenvolve diariamente a asociación na atención ás persoas maiores e na promoción da súa participación social.
O director xeral salientou tamén a importancia de iniciativas como esta, que favorecen a convivencia, o intercambio de experiencias e as relacións sociais entre as persoas usuarias dos centros, contribuíndo ao seu benestar e ao envellecemento activo.
A xuntanza anual de Acolle consolídase así como un espazo de encontro para compartir actividades fóra do contorno habitual das residencias e reforzar os vínculos entre os diferentes centros que forman parte da asociación.
Desde a Xunta reiterouse o recoñecemento ao labor dos profesionais e das entidades de iniciativa social que traballan no ámbito da atención ás persoas maiores, así como o compromiso con iniciativas que favorezan a súa autonomía, participación e integración na sociedade galega.
