
Roberto Barba destaca en Lugo o reforzo das políticas de protección e o incremento do 30 % no orzamento do II Plan galego contra a trata
Lugo, 23 de setembro de 2026. O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reafirmou hoxe en Lugo o compromiso da Xunta de Galicia coa protección das vítimas de trata de seres humanos, mediante o desenvolvemento de recursos específicos e medidas destinadas a garantir a súa atención, protección e recuperación.
Barba participou na xornada “Muller, trata e dereito ao asilo. Desafíos para unha protección con perspectiva de xénero e dereitos humanos”, organizada por Accem, onde puxo en valor as actuacións que se están a desenvolver en Galicia neste ámbito e a colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais.
Durante a súa intervención, explicou que a Xunta está a executar o II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2026-2029, que dá continuidade ás medidas implantadas no anterior plan e incorpora un reforzo dos recursos destinados á protección das vítimas. Entre as principais novidades, salientou o incremento do 30 % da dotación económica con respecto ao plan anterior.
O director xeral tamén destacou que Galicia conta cun amplo programa de medidas de apoio ás mulleres vítimas de violencia sexual e de trata. Neste sentido, lembrou que a normativa autonómica garante a estas vítimas o acceso á protección e aos dereitos recoñecidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero, permitindo que poidan beneficiarse dos recursos e servizos postos á súa disposición pola Xunta.
Entre estes recursos atópase a rede de casas de acollida, que proporciona atención e solución habitacional ás mulleres vítimas de violencia de xénero, así como aos seus fillos e fillas. Estes espazos ofrecen unha resposta especializada para favorecer a súa protección e recuperación nun contorno seguro.
Barba aproveitou tamén o encontro para poñer en valor o traballo desenvolvido polas entidades do terceiro sector e o tecido asociativo, cuxa colaboración considera fundamental para detectar situacións de trata, acompañar as vítimas e achegar os recursos ás persoas que máis os precisan. Neste ámbito, salientou especialmente o labor de Accem e das entidades que traballan en Galicia na atención ás vítimas de trata e explotación sexual.
Finalmente, o director xeral lembrou a necesidade de continuar avanzando na coordinación e no reforzo dos recursos destinados á loita contra a trata. Así mesmo, sinalou que Galicia continúa á espera de avances por parte do Goberno central na elaboración da Lei de trata, anunciada nos últimos anos, que, segundo explicou, permitiría reforzar os medios dos que dispoñen as comunidades autónomas para desenvolver as súas políticas de prevención, protección e atención ás vítimas.
A Xunta reafirma así a súa aposta por unha resposta integral fronte á trata de seres humanos, baseada na protección das vítimas, na garantía dos seus dereitos e na colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais.
