O BNG pide á Xunta suspender as expropiacións do Camiño Fisterra-Muxía en Estorde ata reunirse coa veciñanza

Oscar Insua e Serxio Domínguez reuníronse con propietarios afectados e reclaman estudar alternativas ao trazado previsto por Turismo de Galicia

Costa da Morte, 26 de setembro de 2026. O BNG reclama á Xunta de Galicia que suspenda calquera avance no procedemento de ocupación urxente das parcelas afectadas polo proxecto de modificación do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo lugar de Estorde, no concello de Cee, ata que se manteña unha reunión coa veciñanza afectada e se estuden as alternativas propostas polos propietarios.

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Oscar Insua, e o portavoz municipal da formación en Cee, Serxio Domínguez, mantiveron esta semana unha xuntanza con varios veciños afectados polo proxecto. Segundo explicaron, a actuación foi sometida a información pública mediante anuncio do 17 de abril e publicada no Diario Oficial de Galicia o 5 de maio.

O pasado 3 de xuño, varios propietarios presentaron de maneira conxunta unha alegación ante Turismo de Galicia na que cuestionaban a solución prevista pola Administración autonómica e formulaban diferentes alternativas de trazado. Segundo o BNG, estas propostas permitirían acadar os obxectivos de seguridade viaria, mobilidade peonil e protección dos peregrinos cunha afección menor sobre as propiedades particulares.

Entre as alternativas presentadas figura unha opción que, segundo os afectados, permitiría executar a actuación sen necesidade de expropiacións. Tamén se propuxo aproveitar o antigo Camiño Real a Fisterra, identificado igualmente como Corredoira da Amarela a Fisterra, co obxectivo de reducir de maneira significativa o número e o alcance das expropiacións previstas.

Unha resposta notificada case tres meses despois

Turismo de Galicia desestimou as alegacións relativas ao cambio de trazado ao considerar que a solución prevista pola Xunta responde adecuadamente aos obxectivos da actuación.

Porén, o BNG cuestiona o procedemento seguido pola Administración. A contestación ás alegacións foi asinada electronicamente o 19 de xuño polo xefe de área, mentres que as persoas afectadas non recibiron a notificación ata o 10 de setembro, case tres meses despois.

A notificación produciuse, ademais, nove días despois de que o Consello da Xunta aprobase definitivamente o proxecto, o 1 de setembro.

Segundo o BNG, esta aprobación implica a declaración de utilidade pública da actuación, a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos necesarios para executar as obras, así como a urxencia da ocupación dos terreos para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición de servidumes.

Oscar Insua considera que esta situación evidencia unha falta de diálogo coa veciñanza afectada. “Desde a Xunta non actuaron con boa fe. Asinaron a contestación das alegacións case tres meses antes de notificalas, cando xa tiñan o proxecto aprobado, sen estudalas e sen reunirse coa veciñanza; un auténtico despropósito en todos os sentidos”, afirmou.

Reclaman estudar as alternativas antes de acudir aos tribunais

O deputado nacionalista asegurou que o BNG trasladará esta cuestión ao Parlamento de Galicia para reclamar que Turismo de Galicia convoque unha reunión cos propietarios afectados e analice as alternativas propostas antes de continuar co proceso expropiatorio.

“Desde o BNG dámoslle todo o noso apoio aos veciños de Estorde, e por iso imos reclamar no Parlamento que Turismo de Galicia recapacite, convoque unha xuntanza inmediata cos afectados para estudar as alternativas ao trazado para buscar a mellor solución para todos, e que suspenda as expropiacións urxentes mentres tanto, evitando ter que acabar nos xulgados”, sinalou Insua.

O parlamentario nacionalista tamén destacou o potencial da alternativa defendida pola veciñanza para o propio núcleo de Estorde. “A alternativa presentada polos veciños é unha oportunidade de poñer en valor Estorde. O paso do camiño xacobeo polo medio axudaría a desenvolver o potencial do lugar en todos os aspectos”, afirmou.

O BNG considera así que antes de avanzar no procedemento de ocupación dos terreos debería abrirse un proceso de diálogo cos propietarios e analizarse de maneira detallada as diferentes opcións de trazado formuladas durante o período de información pública.