


O Concello alerta dos danos provocados por vehículos e da presenza de lixo e cristais no Campo do Rollo, xunto ao parque infantil
Corcubión. A Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade do Concello de Corcubión denunciou publicamente novos episodios de comportamentos incívicos rexistrados nas últimas horas na vila, que provocaron danos no patrimonio histórico e no mobiliario urbano, así como a acumulación de residuos nunha zona de uso infantil.
Segundo informou o Concello, continúan producíndose danos e impactos relacionados co tránsito e as manobras irresponsables de vehículos, que estarían afectando tanto elementos do patrimonio histórico como diferentes elementos do mobiliario urbano.
A maiores, o Concello alerta da continuidade das prácticas de “botellón” no Campo do Rollo, onde durante a pasada madrugada se rexistrou novamente a presenza de persoas consumindo alcohol na vía pública. A zona, situada nas proximidades dun parque infantil, apareceu con numerosos residuos e cristais procedentes de botellas rotas.
Risco para os usuarios do parque infantil
Desde o Goberno local considérase especialmente preocupante a presenza de cristais nun espazo situado ao carón dunha área de xogo infantil, ao entender que pode supoñer un risco para a integridade física dos menores e doutras persoas usuarias da zona.
O Concello lembra que xa están instalados carteis informativos que prohiben expresamente o consumo de alcohol na vía pública e sinala que os actos incívicos xeran ademais custos económicos derivados das tarefas de limpeza, reparación e mantemento dos espazos públicos.
Chamada á colaboración cidadá
A Concellería fai un chamamento á cidadanía para contribuír ao coidado dos espazos públicos e ao cumprimento das normas de convivencia.
Así mesmo, solicita a colaboración das persoas que poidan ter presenciado os feitos ou dispoñer de información que permita identificar os responsables, instándoas a poñerse en contacto co Concello ou coas autoridades locais.
O Concello de Corcubión reivindica a importancia de preservar o patrimonio, o mobiliario urbano e os espazos de uso común e pide á veciñanza civismo, respecto polas normas e responsabilidade no uso do espazo público.
“Coidemos Corcubión”, conclúe o chamamento municipal.
