O Concello de Coristanco remata as obras de mellora en nove locais sociais

As actuacións, financiadas pola Deputación da Coruña a través do POS+2025, contaron cun orzamento de 162.708,70 euros

O Concello de Coristanco vén de rematar as obras de mellora realizadas en nove centros sociais do municipio, concretamente nos locais de Cereo, Valenza, Xaviña, Seavia, Oca, Rececinde, Agualada, Cuns e Couso.

As actuacións tiveron como principal obxectivo solventar as deficiencias ocasionadas polo paso do tempo, así como mellorar as condicións dos edificios en materia de accesibilidade e eficiencia enerxética.

Os traballos foron financiados pola Deputación da Coruña, con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS+2025), e supuxeron un investimento total de 162.708,70 euros.

Desde o Concello destacan a importancia destas intervencións para manter e poñer en valor os espazos sociais das distintas parroquias, instalacións que funcionan como puntos de encontro e participación da veciñanza.

Ademais das obras xa finalizadas, o Concello de Coristanco ten previstas novas actuacións de mellora nos equipamentos sociais do municipio. Entre elas figura a execución dun novo local social en Santa Baia-Castro, así como un pequeno proxecto destinado a mellorar a acústica do local social de Oca.

Con estas actuacións, o Concello continúa coa renovación e mellora dos equipamentos municipais, buscando ofrecer espazos máis accesibles, eficientes e axeitados para o uso da veciñanza.