O PP de Oleiros desprazouse á antiga fábrica de Opel en Perillo para comprobar a retirada do amianto

O Partido Popular de Oleiros desprazouse á antiga fábrica de Opel, en Perillo, para comprobar sobre o terreo se se están cumprindo os protocolos establecidos para a retirada do amianto existente nas instalacións.

A visita prodúcese ante a preocupación manifestada por veciños da zona pola presenza e retirada deste material, así como pola falta de información sobre os traballos que se están levando a cabo.

Desde o PP de Oleiros sinalan que, ante unha actuación que pode xerar inquietude entre a veciñanza, é fundamental que exista información clara e transparente sobre o procedemento empregado, as medidas de seguridade adoptadas e o cumprimento da normativa.

“A preocupación dos veciños é lóxica se non se lles informa adecuadamente”, apuntan desde a formación popular, que considera necesario garantir que os traballos se desenvolvan con todas as medidas de protección necesarias para evitar riscos para a saúde e o medio ambiente.

A retirada do amianto debe realizarse seguindo protocolos específicos de seguridade, polo que o PP reclama que se facilite información á veciñanza sobre o proceso e sobre as garantías adoptadas durante os traballos na antiga instalación industrial.

A formación popular asegura que continuará pendente da evolución dos traballos e das posibles incidencias que poidan afectar aos residentes da contorna.