
A parroquia malpicá, que durante anos foi escenario das grandes orquestras da verbena galega, afronta o Rosario de 2026 sen unha comisión que garanta a celebración das festas.
Cerqueda foi durante décadas un dos referentes festivos da comarca. Pola súa Festa do Rosario pasaron algunhas das formacións máis destacadas da verbena galega, con nomes como Panorama, Olympus, París de Noia, Combo Dominicano ou Cinema ocupando en diferentes anos o cartel dunha parroquia que chegou a ser unha cita habitual para os amantes da música e das festas populares.
Porén, a situación parece ter cambiado. De cara á Festa do Rosario de 2026, todo apunta a que Cerqueda podería quedar sen celebracións, algo que non sucedía desde hai moitos anos, coa excepción do período marcado pola pandemia.
A preocupación non se limita á ausencia das verbenas. Desde a parroquia tamén se percibe certa falta de reacción ante unha situación que, de confirmarse, suporía a desaparición dunha tradición moi arraigada. A falta dunha comisión disposta a asumir a organización deixa no aire a continuidade dunha festa que durante anos formou parte da identidade de Cerqueda.
Evidentemente, os tempos cambiaron. Pretender hoxe contar cada ano con formacións como Panorama ou París de Noia resulta economicamente moi difícil para unha comisión pequena. Pero manter viva unha festa non implica necesariamente apostar polos grandes nomes da verbena.
As festas tamén son un punto de encontro para a veciñanza, para as familias e para esa xente que, en moitos casos, só se ve un par de veces ao ano e que ten nas celebracións parroquiais unha oportunidade para volver xuntarse.
Por iso, desde Cerqueda agardan que a situación poida reverterse e que apareza unha comisión disposta a coller o relevo e manter viva a Festa do Rosario.
Porque máis alá das orquestras e dos grandes carteis, facer festa tamén é facer parroquia.
