Falece unha muller de 71 anos tras ser atropelada en Abegondo

O accidente produciuse esta mañá no lugar de A Fraga, na parroquia de Vizoño, preto do campo da festa e da AP-9

Unha muller de 71 anos, identificada como M.P.G., faleceu esta mañá tras ser atropelada por un vehículo no municipio coruñés de Abegondo.

O accidente tivo lugar no lugar de A Fraga, na parroquia de Vizoño, nunha pista situada nas proximidades do campo da festa e paralela á autoestrada AP-9.

O 112 Galicia recibiu o aviso minutos antes das 10:00 horas, despois de que o propio condutor do vehículo implicado alertase de que acababa de atropelar unha muller e solicitase asistencia sanitaria urxente.

Tras recibir a alerta, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia mobilizou os servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Ordes e os voluntarios de Protección Civil de Abegondo.

Os equipos de emerxencia desprazáronse rapidamente ata o lugar do accidente, aínda que, malia a súa intervención, só puideron confirmar o falecemento da muller.

O suceso tamén foi comunicado ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención.

As circunstancias nas que se produciu o atropelo están pendentes de investigación.