Finalizan as obras de mellora do saneamento e pavimentación na rúa San Antonio de Corcubión

O Concello de Corcubión dá por rematadas as obras de “Mellora do Saneamento e Pavimentación na Rúa San Antonio”, unha actuación destinada a mellorar os servizos, a accesibilidade e o estado dos espazos públicos desta zona do municipio.

Os traballos permitiron actuar sobre a rede de saneamento, coa separación e canalización das augas pluviais e residuais, dando resposta aos problemas existentes na zona, especialmente durante os episodios de fortes choivas.

A intervención incluíu tamén a renovación do pavimento da vía, así como o ancheamento do acceso ás rúas Campo do Lobo e Cuartel da Garda Civil, mellorando as condicións de accesibilidade e favorecendo unha mellor integración deste espazo coa contorna do Conxunto Histórico de Corcubión.

A actuación contou cun investimento total de 54.859,96 euros, IVE incluído, financiado a través do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+ 2024) da Deputación Provincial da Coruña.

Desde o Concello de Corcubión quixeron agradecer especialmente á veciñanza da rúa San Antonio e de toda a zona a súa paciencia e comprensión durante a execución das obras, así como polas molestias que puideron ocasionar os traballos.

Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas e dos servizos municipais, así como na recuperación e posta en valor dos espazos públicos, co obxectivo de contribuír a facer de Corcubión un municipio máis accesible, cómodo e coidado para a veciñanza e as persoas visitantes.