COGAMI impulsa unha campaña para captar talento novo e achegar o seu Servizo de Emprego á mocidade con discapacidade

A entidade busca dar a coñecer entre as persoas de 18 a 29 anos os recursos de orientación, formación e acompañamento laboral que ofrece

COGAMI puxo en marcha unha campaña de sensibilización e captación de talento novo co obxectivo de achegar o seu Servizo de Emprego á mocidade con discapacidade de Galicia. A iniciativa pretende dar a coñecer os recursos de orientación, formación e acompañamento laboral que ofrece a entidade e facilitar que máis mozas e mozos poidan acceder a eles para avanzar no seu itinerario profesional.

A campaña nace tras analizar os datos da bolsa de emprego de COGAMI e poñelos en relación coa realidade da mocidade con discapacidade en Galicia. Segundo os datos da Consellería de Política Social e Igualdade, na comunidade galega hai 11.205 persoas con discapacidade de entre 16 e 29 anos. Na bolsa de emprego de COGAMI están rexistradas 870 persoas de entre 18 e 29 anos, unha cifra que representa aproximadamente o 8 % dese colectivo.

Das 870 persoas mozas inscritas na bolsa de emprego de COGAMI, o 62 % son homes e o 38 % mulleres. Para a coordinadora do Servizo de Emprego de COGAMI, Mari Carmen Ínsua, estes datos evidencian que existe unha parte importante da mocidade con discapacidade que aínda pode achegarse aos recursos da entidade.

“Sabemos que moita xente coñece os nosos servizos, pero tamén hai persoas que descoñecen que poden contar con nós”, explica Ínsua. Por este motivo, a campaña busca visibilizar os recursos dispoñibles e transmitir á mocidade que COGAMI pode acompañala tanto na procura de emprego como na definición e desenvolvemento do seu itinerario profesional.

Un acompañamento adaptado ás necesidades de cada persoa

O Servizo de Emprego de COGAMI ofrece orientación laboral, formación e información para apoiar as persoas durante o proceso de incorporación ao mercado laboral. O primeiro paso consiste nunha análise da situación de partida, que permite identificar as necesidades, intereses e obxectivos de cada persoa e establecer un plan de actuación adaptado.

A partir dese momento, o equipo profesional realiza un seguimento do proceso, revisando e adaptando o itinerario sempre que sexa necesario. “Dende COGAMI ofrecemos acompañamento personalizado que lle permite á persoa avanzar cara ao seu obxectivo laboral”, sinala Mari Carmen Ínsua.

No caso da mocidade, a formación constitúe un dos piares fundamentais. Segundo os datos das persoas de entre 18 e 29 anos inscritas na bolsa de emprego de COGAMI, o 43 % non conta con formación, mentres que o 4 % dispón dunha titulación universitaria. O 23 % ten estudos da ESO, o 14 % conta cun ciclo formativo de grao medio, o 10 % cun ciclo superior e o 6 % ten o bacharelato.

Estas cifras poñen de relevo a importancia de facilitar o acceso a diferentes alternativas formativas, tanto a través dos estudos regrados como mediante cursos que permitan adquirir competencias técnicas, coñecer diferentes ocupacións e mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral.

“O fundamental é que cada persoa poida construír o seu itinerario formativo e profesional en función dos seus intereses, capacidades e obxectivos”, destaca a coordinadora do Servizo de Emprego de COGAMI.

Prepararse para un mercado laboral en transformación

Desde COGAMI sinalan que o mercado laboral actual é cada vez máis competitivo e que as ocupacións evolucionan ao mesmo tempo que cambian as competencias e coñecementos demandados polas empresas. Neste contexto, a incorporación de novas ferramentas, como a intelixencia artificial, está a transformar determinados procesos e a abrir tamén novas posibilidades no ámbito profesional.

Para a entidade, o acceso ao emprego ten unha dimensión que vai máis alá da propia incorporación ao mercado laboral. “O traballo contribúe á autonomía persoal e económica e amplía as posibilidades de tomar decisións e participar activamente na sociedade”, explica Ínsua.

Dispor dun emprego pode facilitar tamén o acceso a unha vivenda, ao lecer, ás actividades culturais, ás viaxes e a outras experiencias vinculadas cunha vida autónoma e independente.

A mocidade, protagonista da campaña

Co propósito de achegar esta mensaxe ao público novo, COGAMI contou coa colaboración de dúas persoas mozas, Miriam Baleato e Santiago Facorro, que participan na campaña compartindo a súa experiencia e opinión.

A súa presenza pretende favorecer a identificación da mocidade coas mensaxes da iniciativa e achegar os recursos da entidade desde unha perspectiva próxima ás súas propias vivencias e realidade.

A campaña terá nas redes sociais o seu principal espazo de difusión e complementarase coa colocación de carteis en lugares frecuentados pola mocidade, como universidades, centros educativos, bibliotecas universitarias e outros espazos de encontro.

Con esta iniciativa, COGAMI quere reforzar a súa presenza nos espazos nos que está a mocidade, facilitar información clara sobre os recursos existentes e favorecer que máis persoas novas con discapacidade coñezan o Servizo de Emprego e saiban como contactar coa entidade para iniciar ou continuar o seu itinerario formativo e laboral.