
O Concello de Betanzos desmente que se producise un tiroteo ou que houbese persoas feridas durante o operativo
Unha persecución policial rematou nas últimas horas na Avenida Jesús García Naveira, en Betanzos, despois de que un vehículo no que viaxaban varios presuntos delincuentes saíse da vía.
Segundo informou o Concello de Betanzos, os feitos estarían relacionados cun intento de estafa e roubo dun vehículo nun supermercado da Coruña. Tras iniciarse a persecución, esta prolongouse ata Betanzos, onde o vehículo dos sospeitosos acabou saíndose da vía.
Finalmente, os ocupantes do vehículo foron detidos polos axentes policiais.
No operativo participaron efectivos da Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil, mentres que posteriormente tamén interveu Protección Civil para colaborar nas actuacións derivadas do incidente.
O Concello desmente un tiroteo
Ante os comentarios e informacións difundidas nas redes sociais, o Concello de Betanzos quixo aclarar que non se produciu ningún tiroteo durante o incidente e que non houbo danos persoais.
O consistorio pediu prudencia á hora de difundir información sobre os feitos e lembrou que os contidos que circulan polas redes sociais poden non estar acreditados nin responder á realidade do acontecido.
O Concello agradeceu publicamente o traballo desenvolvido polos diferentes corpos policiais e por Protección Civil durante o operativo.
