
A iniciativa ‘Móllate polos ríos’ mobilizará voluntariado en 49 concellos de toda Galicia
A Laracha, 2 de outubro de 2026. A Asociación Veciñal, Ecoloxista e Cultural Terra de Soandres será a encargada de coordinar en Soandres, no Concello da Laracha, a XIX Limpeza Simultánea de Ríos ‘Móllate polos ríos’, unha iniciativa de voluntariado ambiental que este ano se desenvolverá simultaneamente en 49 concellos de toda Galicia.
A xornada celebrarase o vindeiro domingo 4 de outubro e contará coa participación de máis de 75 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas e centros de ensino. Trátase dunha actividade que combina a limpeza dos espazos fluviais coa sensibilización e concienciación sobre a importancia de conservar os ríos e os seus ecosistemas.
En Soandres, as persoas voluntarias actuarán nun tramo das cabeceiras do río Anllóns, co obxectivo de retirar residuos e lixo acumulado e contribuír á conservación deste importante espazo natural.
A actividade desenvolverase entre as 11:00 e as 14:00 horas. O punto de encontro estará situado en Vista Alegre, no campo de fútbol Ponte do Sal, tamén coñecido como campo de fútbol As Chancelas.
Desde Terra de Soandres animan á veciñanza a participar nesta nova edición dunha iniciativa que ano tras ano reúne a persoas comprometidas coa protección do medio ambiente e coa conservación dos ríos galegos.
As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición a través do teléfono 654 887 468 ou do correo electrónico terradesoandres@gmail.com.
A XIX Limpeza Simultánea ‘Móllate polos ríos’ pretende, unha vez máis, converter o voluntariado ambiental nunha ferramenta para coidar os ríos, retirar residuos e fomentar unha maior conciencia social sobre a necesidade de protexer o patrimonio natural de Galicia.
