
O Concello de Cabanas realizou nos últimos días a renovación integral dun tramo do Camiño do Inferniño, unha actuación que permitirá mellorar tanto a seguridade viaria como as condicións de circulación nesta vía municipal.
Os traballos, desenvolvidos en colaboración coa empresa responsable do mantemento da rede de saneamento, incluíron a substitución completa do firme da vía, así como a actualización da tubaxe soterrada existente no lugar.
Debido á elevada pendente deste tramo, optouse pola instalación dun firme de formigón, unha solución que ofrece unha maior resistencia e durabilidade fronte ao aglomerado asfáltico e que permite garantir un mellor comportamento da vía ao longo do tempo.
Esta actuación forma parte do compromiso do Concello de Cabanas coa mellora e conservación das infraestruturas viarias municipais, dando resposta ás necesidades de diferentes lugares e contribuíndo a mellorar a seguridade e a calidade das vías de titularidade municipal.
O Concello continuará traballando na renovación e mellora da rede viaria municipal, priorizando aquelas actuacións necesarias para garantir unhas vías máis seguras, resistentes e adaptadas ás necesidades da veciñanza.
