
A tramitación do futuro polígono industrial de Coristanco continúa avanzando coa publicación do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para desenvolver esta infraestrutura. O expediente permanecerá en exposición pública durante un mes, período no que as persoas interesadas poderán consultar a documentación e presentar as alegacións que consideren oportunas.
Para a execución do parque empresarial, Xestur necesitará dispoñer dun total de 79 parcelas catastrais, que no seu conxunto representan preto de 165.000 metros cadrados de superficie.
O proceso expropiatorio contempla un investimento de máis de medio millón de euros para facer fronte ao pagamento dos terreos afectados.
O proxecto foi redactado por Proyestegal SL e recibiu informe favorable do Servizo de Planificación de Ordenación do Solo Empresarial, un paso máis na tramitación administrativa necesaria para avanzar no desenvolvemento do futuro polígono industrial.
A actuación permitirá avanzar na creación dunha nova área destinada á actividade empresarial no municipio de Coristanco, mediante a transformación dos terreos incluídos no ámbito previsto para o parque empresarial.
