
A formación nacionalista critica que o acordo aprobado en 2023 polo PP e o PSOE reducise a superficie reservada para vivenda protexida de 1.654,5 a 354 metros cadrados
O BNG de Laxe denuncia a redución da reserva destinada a vivenda protexida no ámbito do SU-1, tras o acordo aprobado en 2023 cos votos favorables do PP e do PSOE.
Segundo sinala a formación nacionalista, a modificación supuxo pasar dunha reserva do 30 % a unha do 6,42 %, reducindo a superficie destinada a vivenda protexida de 1.654,5 metros cadrados a apenas 354 metros cadrados, o que o BNG cualifica como unha redución próxima ao 80 %.
Desde o BNG recoñecen que o Concello non ten as competencias directas en materia de vivenda, pero consideran que si pode contribuír a facilitar solo e superficie para favorecer a construción do maior número posible de vivendas protexidas.
«Laxe necesita máis vivenda protexida, non menos», sinalan desde a formación, que cuestiona que se reducise precisamente a superficie dispoñible para este tipo de vivenda.
Críticas aos custos de urbanización
O BNG tamén pon o foco nos custos asociados ao desenvolvemento urbanístico do SU-1. A formación lembra que xa estimaba daquela en 1,5 millóns de euros os custos de urbanización, aos que habería que engadir posteriormente os gastos de conservación e mantemento.
A estas cantidades, segundo sinala o BNG, habería que sumar tamén o futuro mantemento de El Alma del Mundo, polo que a formación cuestiona cal será o impacto económico que estas actuacións terán para as arcas municipais.
«De onde van saír os cartos para todo?», pregunta o BNG, que reclama coñecer con maior detalle as previsións económicas e os custos futuros derivados destas actuacións.
A formación nacionalista insiste en que o desenvolvemento urbanístico debe ir acompañado dunha aposta por ampliar a oferta de vivenda protexida e por garantir que os custos asociados ás novas infraestruturas sexan asumibles para o Concello.
