Educación comprométese coa reforma integral do CEIP San Vicenzo tras meses de reivindicacións

A ANPA do San Vicenzo agradece o apoio das familias, da dirección do centro e do Concello de Vimianzo e mantén agora o foco na mellora do servizo de comedor

Tras varios meses de reivindicacións, reunións e traballo para poñer de manifesto o estado das instalacións, a ANPA do CEIP San Vicenzo recibe con satisfacción o compromiso formal da Consellería de Educación para acometer unha reforma integral do centro educativo.

A reivindicación foi trasladada en diferentes ocasións ante a Unidade Técnica de Obras, así como nas reunións mantidas co novo director territorial de Educación, Santiago Freire. Onte, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, confirmou o compromiso da Administración educativa de levar adiante esta necesaria actuación.

Desde a ANPA queren agradecer especialmente o traballo e a implicación de todas as familias que, durante estes meses, dedicaron o seu tempo a realizar inspeccións e elaborar informes sobre o estado das instalacións do colexio, contribuíndo así a deixar constancia das necesidades existentes.

Tamén trasladan o seu agradecemento aos distintos funcionarios da Inspección Educativa que escoitaron as súas demandas, así como ao director territorial de Educación, que mantivo unha reunión coa comunidade educativa pouco despois de asumir o cargo.

A ANPA destaca igualmente o apoio da dirección do centro e do Concello de Vimianzo, fundamentais no proceso de reivindicación dunha actuación integral que permita mellorar as condicións do colexio e garantir unhas instalacións axeitadas para toda a comunidade educativa.

O comedor, a seguinte prioridade

Unha vez acadado este compromiso no relativo ás obras, a preocupación da ANPA céntrase agora no servizo de comedor escolar, unha cuestión que depende dun departamento diferente ao encargado das infraestruturas.

Segundo trasladaron desde a Administración, existe o compromiso de enviar un novo forno e realizar unha revisión urxente das instalacións, ante as incidencias detectadas en varios dos seus elementos.

Así mesmo, están previstas actuacións de mellora a través dun contrato menor, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento do servizo e que o comedor do CEIP San Vicenzo continúe sendo un referente para a comunidade educativa.

Desde a ANPA sinalan que seguirán facendo seguimento de todos estes compromisos e traballando, xunto coa dirección do centro, o Concello e as familias, para que as actuacións anunciadas se concreten e permitan avanzar na mellora das condicións do colexio.