Iago Fernández Ramos proclámase campión do V Torneo Concello de Vimianzo

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu o pasado domingo unha intensa xornada de xadrez coa celebración do V Torneo Concello de Vimianzo, integrado no X Circuito Intercomarcal da Coruña 2026.

A competición reuniu a numerosos afeccionados e afeccionadas ao xadrez, que disputaron un total de oito roldas de xadrez rápido nas que puxeron a proba a súa concentración, capacidade estratéxica e deportividade. O torneo contou, ademais, cunha dotación de 800 euros en premios.

Na clasificación absoluta, o triunfo foi para Iago Fernández Ramos, do Club Marquiño, que se proclamou campión do torneo. Luca Rey e Breixo Longueira completaron o podio.

O Club Marquiño tivo tamén unha destacada presenza na clasificación, con varios dos seus xogadores entre os primeiros postos. No apartado feminino, Emma Cernadas foi a primeira clasificada.

A xornada concluíu coa tradicional entrega de premios, que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, e do técnico de Deportes, Víctor Santos.

Desde a organización trasladaron os parabéns ao Club Xadrez Arteixo polo traballo realizado para facer posible esta nova edición do torneo, así como a todas as persoas participantes pola súa implicación e por contribuír a converter Vimianzo nun punto de encontro para os amantes do xadrez.

Unha nova edición do torneo que deixa, así, unha intensa xornada deportiva marcada polo xadrez, a convivencia e o espírito competitivo.