
A mostra, impulsada pola Deputación da Coruña, reúne a historia de 540 mulleres e poderá visitarse ata o día 12 na sala Gervasio Sar
Muxía acolle desde onte a exposición itinerante da Deputación da Coruña ‘Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión’, unha mostra que recupera a memoria de mulleres galegas que protagonizaron loitas sociais, políticas e colectivas ao longo do século pasado.
A exposición permanecerá aberta ata o próximo día 12 na sala Gervasio Sar do Edificio Servizos Múltiples. A inauguración contou coa presenza da deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; do alcalde de Muxía, Javier Sar; da concelleira de Igualdade, Aurelia Picallo Merlán, e da psicóloga do CIM, Nerea Spata.
Durante o acto de presentación, Sol Agra puxo en valor a necesidade de continuar recuperando unha parte da historia que durante décadas permaneceu esquecida, especialmente no que atinxe ás mulleres. A deputada salientou o compromiso da Deputación coa divulgación da historia das mulleres pioneiras e reivindicativas, así como dos movementos colectivos que protagonizaron importantes transformacións sociais.
A mostra céntrase tamén nas mulleres que sufriron persecución e represión por defender os seus dereitos e cuestionar as inxustizas do seu tempo. Moitas delas foron silenciadas ou quedaron fóra do relato histórico posterior.
Entre as figuras recuperadas pola exposición atópanse mulleres coñecidas como María Casares, pero tamén outras menos recoñecidas publicamente, entre elas as mestras asasinadas ou represaliadas tras o golpe de Estado de 1936.
Un percorrido por cen anos de historia
‘Sinaladas’ foi posta en marcha pola Deputación da Coruña en 2023, co obxectivo de recuperar e divulgar a presenza das mulleres e dos movementos feministas e activistas na historia contemporánea de Galicia.
A exposición propón un percorrido de aproximadamente cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o final do século XX, combinando os avances e conquistas acadados coas situacións de persecución, represión e exclusión que padeceron numerosas mulleres.
A mostra está formada por 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes, a través dos que se recupera a historia de 540 mulleres. Os contidos estrutúranse en trece bloques, un deles introdutorio e os doce restantes organizados por períodos históricos e diferentes temáticas.
Os primeiros apartados abordan as décadas anteriores a xullo de 1936 e as dificultades ás que se enfrontaron as primeiras mulleres que participaron nas loitas sociais e políticas. A segunda parte céntrase no período comprendido entre o golpe de Estado de 1936 e a disolución da guerrilla, cunha especial atención á represión exercida contra as mulleres.
Por último, a exposición percorre a posguerra e as décadas posteriores, mostrando como a represión e as desigualdades continuaron durante a ditadura franquista. Ao mesmo tempo, pon de manifesto o papel das mulleres que mantiveron as súas reivindicacións e contribuíron á chegada da democracia.
A presenza de ‘Sinaladas’ en Muxía busca achegar este patrimonio histórico ás novas xeracións, especialmente ao alumnado, e favorecer o coñecemento das experiencias de mulleres que padeceron represión e exclusión, pero que tamén participaron activamente na construción dunha sociedade máis igualitaria e democrática.
