
O Concello de Coristanco rematou recentemente os traballos de conservación e mellora realizados no edificio que alberga a Escola Infantil Municipal ‘Galiña Azul’, co obxectivo de mellorar as condicións das instalacións e ofrecer un espazo máis cómodo e seguro para os nenos e nenas que utilizan o centro.
As actuacións foron financiadas polo Consorcio Galego de Igualdade e Servizos de Benestar e incluíron varias intervencións no exterior e no interior do edificio.
Entre os traballos realizados destaca a instalación de toldos, que permitirán crear diferentes zonas de sombra no recinto e ofrecer maior protección fronte á exposición solar, especialmente durante os meses de maior calor.
Ademais, levouse a cabo o pintado do interior das instalacións, contribuíndo á renovación e mellora estética dos espazos da escola infantil.
As obras completáronse coa instalación de zonas de seguridade na entrada ao recinto, co propósito de reforzar a protección e a seguridade no acceso ao centro.
Desde o Concello de Coristanco destacan a importancia destas actuacións para continuar mellorando os equipamentos municipais destinados á atención e ao benestar da infancia.


