
A formación critica que as demandas sobre Atención Primaria no Barbanza non inclúan a situación do municipio mazaricano
Espazo Común reclama que as necesidades sanitarias de Mazaricos reciban a mesma atención que as doutros concellos da comarca e denuncia a falta de persoal e os problemas existentes na Atención Primaria do municipio.
A formación fai esta reivindicación despois de que o BNG denunciase no Parlamento de Galicia as carencias de persoal e os recortes na Atención Primaria do Barbanza, sinalando especificamente os casos de Aguiño, Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo.
“E Mazaricos, para cando?”, pregunta Espazo Común, que considera que o municipio tamén sofre dificultades relacionadas coa falta de médicos e profesionais sanitarios.
Desde a formación critican que Mazaricos non apareza entre os concellos incluídos nas reclamacións e lembran que o municipio está gobernado polo BNG. Ao seu xuízo, “a sanidade non pode defenderse dependendo de quen goberne cada concello”.
Espazo Común considera que tanto a Xunta de Galicia, responsable da xestión dos recursos sanitarios autonómicos, como o Concello de Mazaricos deben asumir as súas responsabilidades e reclamar solucións para as necesidades dos veciños.
“PP e BNG deberían deixar de mirar para outro lado e defender tamén Mazaricos”, sinala a formación, que reclama que as demandas sanitarias do municipio sexan trasladadas con firmeza ás administracións competentes.
Espazo Común asegura que non pretende “mirar para outro lado” ante os problemas da Atención Primaria e reivindica que Mazaricos conte cos médicos, profesionais e servizos necesarios.
A formación reclama, así, que a situación sanitaria do municipio deixe de quedar nun segundo plano e que as necesidades dos seus veciños sexan atendidas “coa mesma forza que as de calquera outro concello”.
“Mazaricos tamén existe. E a súa sanidade tamén se defende”, conclúe Espazo Común.
