
A situación dos colectores de lixo en Boimir, na parroquia de Soandres, no Concello da Laracha, está a xerar malestar entre a veciñanza. Nas últimas horas difundíronse imaxes que amosan a acumulación de residuos ao redor dos colectores, ante o que se reclama unha resposta por parte do Concello e da empresa responsable do servizo de recollida.
A veciñanza pide que se adopten medidas para mellorar a frecuencia da recollida e evitar que os residuos se acumulen fóra dos colectores.
Ademais, sinalan que o incremento da poboación na aldea fai necesario reforzar os medios dispoñibles. Neste sentido, consideran que sería conveniente instalar un novo contedor para dar resposta ao aumento de habitantes e á cantidade de residuos xerados.
«Poñerlle as pilas á empresa que se encarga da recollida», é unha das peticións trasladadas, ao tempo que se reclama ao Concello da Laracha que tome medidas para solucionar a situación.
A demanda veciñal céntrase así en dúas cuestións: mellorar a regularidade do servizo de recollida e aumentar a capacidade de contedores dispoñible en Boimir, co obxectivo de evitar que se repitan escenas de acumulación de lixo na vía pública.
