
As axudas permitirán financiar os gastos de persoal dos 84 CIM existentes en Galicia
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026.– O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a resolución da orde de axudas destinada a apoiar a actividade da rede de Centros de Información á Muller (CIM), integrada por un total de 84 recursos en Galicia. A Xunta de Galicia destina cinco millóns de euros a garantir o funcionamento destes servizos especializados.
As achegas están dirixidas principalmente a sufragar os gastos de persoal dos CIM, incluíndo postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, persoal técnico e axentes de igualdade, entre outros perfís profesionais.
En canto á contía das subvencións, cada concello poderá recibir ata 52.000 euros, mentres que o límite ascende a 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas. Ademais, as entidades beneficiarias poderán contar cun adianto do 80 % da contía total concedida.
O período de referencia para o desenvolvemento do programa abrangue desde o 1 de abril de 2026 ata o 1 de marzo de 2027, ambos os dous días incluídos.
A rede de Centros de Información á Muller constitúe un dos principais recursos de atención e asesoramento ás mulleres no ámbito local, ofrecendo servizos especializados en áreas como o asesoramento xurídico, a atención psicolóxica e o apoio para avanzar na igualdade de oportunidades.
