
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañada pola axente de desenvolvemento local do Concello, Tamara Campaña, participou hoxe en Muxía no encontro europeo LDA NEXT, organizado por AFIPRODEL.
A xornada reuniu profesionais e representantes vinculados ao desenvolvemento local co obxectivo de compartir experiencias, coñecementos e iniciativas arredor do papel que desempeñan os equipos técnicos no impulso dos territorios.
O encontro constitúe un espazo de intercambio e colaboración no que se pon en valor o traballo dos axentes de desenvolvemento local e a súa contribución en diferentes ámbitos, así como a importancia da cooperación e da creación de redes entre os distintos territorios europeos.
Desde o Concello de Camariñas destacan a relevancia deste tipo de encontros para compartir boas prácticas, coñecer novas ferramentas e fortalecer a cooperación no ámbito do desenvolvemento local, contribuíndo así á procura de novas oportunidades para os municipios e para a súa veciñanza.
A participación de Camariñas neste encontro reafirma o compromiso municipal coa dinamización económica e social do territorio e coa colaboración con outros axentes e administracións para avanzar nun desenvolvemento local sostible e con capacidade de resposta ás necesidades actuais.
