
A campaña, financiada pola Consellería de Cultura con 20.000 euros, centrarase na investigación dunha posible gran torre vinculada á muralla e no sistema de acceso ao recinto principal
O Castro de Montes Claros acolle xa a súa sétima intervención arqueolóxica, unha nova campaña que permitirá avanzar no coñecemento deste importante xacemento. O alcalde, José Manuel López Varela, e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López visitaron os traballos e mantiveron un encontro coa directora do proxecto, Puri Soto, e co equipo de arqueólogas.
Nesta ocasión, os traballos desprazáronse á croa do Castro de Montes Claros, onde as investigacións se centrarán na posible existencia dunha gran torre asociada á muralla, así como no estudo do sistema de acceso ao recinto principal.
A intervención permitirá tamén continuar coa investigación do camiño empedrado que conduce ata a parte superior do asentamento, co obxectivo de coñecer mellor a configuración e evolución do castro.
A campaña conta cun orzamento de 20.000 euros, financiados integramente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A esta cantidade súmanse outros 5.500 euros achegados polo Concello da Laracha para a redacción do proxecto e a dirección dos traballos arqueolóxicos.
Visitas abertas ao público
Co obxectivo de achegar os traballos arqueolóxicos á cidadanía, o Concello da Laracha organizou un programa de visitas para todos os públicos.
Os días mércores 14 e xoves 15 de outubro, ás 12:00 horas, poderanse realizar visitas á propia escavación. Para participar nestas visitas non será necesario realizar inscrición previa.
Ademais, o sábado 24 de outubro, ás 11:00 horas, terá lugar unha visita guiada polo castro e polas zonas de escavación, que estará conducida pola directora do proxecto, Puri Soto. Nesta actividade as prazas serán limitadas e a inscrición, de carácter gratuíto, poderá realizarse a través do correo turismo@alaracha.gal ou no teléfono 676 963 062.
A nova campaña arqueolóxica permitirá así seguir afondando no coñecemento histórico do Castro de Montes Claros e achegar á veciñanza o traballo desenvolvido para investigar e poñer en valor este patrimonio arqueolóxico.
