
O alumnado do centro participará nunha intervención artística colectiva e presentará VimianSons, un mapa sonoro colaborativo que pon en valor o patrimonio acústico do concello.
O IES Terra de Soneira participará activamente no Festival de Autoedición Vimindie, unha iniciativa cultural que promove a creación artística e a difusión de proxectos creativos na Costa da Morte. A colaboración do centro desenvolverase a través de dúas propostas protagonizadas polo alumnado: unha intervención artística colectiva nos escaparates de Vimianzo e a presentación de VimianSons, un mapa sonoro colaborativo dedicado á paisaxe acústica do municipio.
A primeira das actividades terá lugar con motivo da presentación pública do festival, prevista para o mércores 7 de outubro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo. O alumnado de 4º da ESO realizará unha intervención artística na cristaleira deste espazo cultural, que será decorada con ilustracións relacionadas coa creatividade e coa identidade visual de Vimindie. O traballo partirá da elaboración de bosquexos e composicións na aula, que posteriormente se trasladarán ao espazo público mediante debuxos realizados con rotuladores acrílicos.
Esta iniciativa busca dar visibilidade ao talento artístico da mocidade, fomentar a súa autoestima creativa e contribuír á dinamización cultural e ao embelecemento da vila. A intervención da Casa da Cultura enmárcase nunha proposta máis ampla que contempla tamén a decoración dos escaparates de diferentes negocios de Vimianzo, convertendo as rúas nun espazo de expresión artística e participación colectiva.
VimianSons: descubrir Vimianzo a través dos seus sons
A segunda proposta do IES Terra de Soneira chegará o xoves 29 de outubro, cando o alumnado do Departamento de Música presente VimianSons no micro aberto de proxectos creativos de centros educativos da Costa da Morte, incluído na programación do festival. A presentación terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo e desenvolverase en formato PechaKucha.
Coordinado polo profesor de Música Efraím Díaz, VimianSons é un mapa sonoro colaborativo que recolle a paisaxe acústica do concello. O proxecto parte da observación e da escoita da contorna para construír un arquivo aberto dos sons que forman parte da identidade de Vimianzo.
O alumnado encárgase de gravar sons en diferentes puntos do municipio, acompañar cada rexistro cunha fotografía do lugar e xeolocalizalo nun mapa dixital. As gravacións clasifícanse en tres categorías —biofonía, xeofonía e antropofonía—, que permiten distinguir os sons dos seres vivos, os propios do medio físico e os xerados pola actividade humana.
Posteriormente, os audios edítanse con Audacity, onde se revisan, normalizan e recortan antes de exportalos en formato MP3. Cada peza complétase cos seus datos de autoría, título e ano, publícase en Archive.org e intégrase nun mapa elaborado con UMap, desde o que se pode acceder aos rexistros sonoros a través da súa localización xeográfica.
VimianSons constitúe unha experiencia de autoedición dixital e aprendizaxe-servizo que combina música, tecnoloxía, creación audiovisual e coñecemento do territorio. Ademais de desenvolver competencias creativas e dixitais, o proxecto converte o alumnado en creador e editor dun recurso cultural aberto, contribuíndo á conservación e á difusión dun patrimonio inmaterial tan próximo como os sons cotiáns da vila.
Un festival para impulsar a creación e a participación educativa
A participación do IES Terra de Soneira intégrase nunha programación de Vimindie que, o 29 de outubro, incluirá presentacións de proxectos creativos de centros educativos da Costa da Morte, faladoiros sobre os estudos artísticos superiores da EASD Pablo Picasso da Coruña e un encontro con exalumnado deste centro. A programación completarase cunha conferencia sobre a prevención do ciberbullying dirixida ao alumnado e ao profesorado.
Con estas iniciativas, o IES Terra de Soneira reforza o seu compromiso coa educación artística, a innovación educativa e a participación activa na vida cultural da comunidade. A través da creación visual e sonora, o alumnado contribúe a transformar os espazos compartidos en lugares de expresión, aprendizaxe e difusión da identidade local.

