O segundo día do FITVI mergulla na historia, as lendas e a cultura local

A Asociación Cultural Adro de Vilaño, na Laracha, celebrou unha nova xornada do FITVI marcada pola recuperación da memoria popular, a posta en valor do patrimonio e o encontro arredor da cultura e das tradicións.

O segundo día do festival comezou pola mañá na fonte da Areosa, onde as mulleres de Vilaño recrearon a antiga tradición de lavar a roupa no río, recuperando lembranzas e costumes que forman parte da identidade colectiva da comunidade.

A programación continuou no Muíño das Fervenzas, que se encheu de vida coa proposta de Alba de Vales, nunha contorna que convida a descubrir e gozar do patrimonio local.

Xa pola tarde, o castro de Montes Claros acolleu a actuación de K’Paparota Teatro e un interesante faladoiro coa arqueóloga Puri Soto, que achegou as persoas asistentes ás lendas, historias e riqueza patrimonial deste enclave tan especial.

A xornada rematou cun picnic compartido, acompañado pola música do grupo Paipetiques, nun ambiente de convivencia, participación e celebración colectiva.

Con iniciativas coma esta, a Asociación Cultural Adro de Vilaño reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura, a recuperación das tradicións e a posta en valor do patrimonio de Vilaño e da Laracha, creando espazos de encontro nos que a historia e a identidade local seguen moi vivas.