A Xunta presenta o seu modelo de transformación dixital a unha delegación de expertos de Arxentina, Panamá, Uruguai e Guatemala

Damián Rey destaca a importancia da soberanía dixital e da colaboración entre Administración, universidades e empresas para impulsar a modernización de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026.– O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, participou esta mañá na recepción da delegación internacional que visita Galicia no marco da misión inversa GovTech: Innovación, seguridade e cooperación, organizada polo Clúster TIC de Galicia co apoio da Xunta a través do IGAPE.

A misión reúne 14 representantes de gobernos e organismos públicos vinculados á transformación dixital, a innovación, o investimento e a regulación, así como directivos de operadores de telecomunicacións procedentes de Arxentina, Uruguai, Panamá e Guatemala.

Durante o encontro, Rey puxo en valor o modelo galego de transformación dixital e subliñou a importancia de avanzar na soberanía tecnolóxica e na xeración de coñecemento propio para desenvolver solucións adaptadas ás características da poboación e do territorio galego.

O director da Axencia destacou tamén a colaboración entre a Administración pública, as universidades, os centros de investigación e o tecido empresarial como un dos piares da modernización tecnolóxica da comunidade. Neste contexto, referiuse ao Pacto Dixital de Galicia, que conta coa participación de 19 grandes empresas tecnolóxicas e das principais agrupacións empresariais e clústeres galegos.

A visita permite intercambiar experiencias e coñecementos sobre innovación pública, seguridade e cooperación tecnolóxica, ademais de favorecer novas oportunidades de colaboración entre Galicia e os países participantes.

A delegación desenvolveu hoxe varios encontros en Santiago de Compostela e continuará a súa axenda durante esta semana en Vigo e A Coruña, co obxectivo de coñecer iniciativas e capacidades do ecosistema tecnolóxico galego.