Usuarios e veciños denuncian a falta de iluminación no porto pesqueiro de Corrubedo

Unha farola e tres torretas están sen alumeado, mentres a única que funciona permanece acendida de día e de noite. Reclaman máis mantemento e investimento por parte de Portos de Galicia e unha maior implicación do Concello de Ribeira.

Usuarios do porto pesqueiro de Corrubedo e veciños da localidade denuncian a falta de mantemento do alumeado nas instalacións portuarias. Na actualidade, unha farola e tres torretas permanecen apagadas, unha situación que dificulta as tarefas dos profesionais do mar, especialmente durante a noite.

Os denunciantes sinalan a falta de actuación por parte de Portos de Galicia, dependente da Xunta, e reclaman tamén unha maior implicación da Concellería do Mar do Concello de Ribeira, á que piden que se interese polo estado e as necesidades de todos os portos do municipio.

A situación afecta directamente aos mariñeiros que saen traballar de noite, xa que a falta de iluminación nas instalacións portuarias dificulta os labores diarios e obriga a depender dos focos das propias embarcacións para desenvolver determinadas tarefas, como as relacionadas coas nasas.

Ademais, os usuarios e veciños denuncian que a única torreta que ilumina a zona permanece acendida tanto de día como de noite, polo que consideran necesario revisar o sistema de alumeado e reparar as instalacións que non funcionan.

Ante esta situación, reclaman unha solución urxente e lembran que o mantemento dos portos pesqueiros debe ser unha prioridade durante todo o ano, non só cando se achegan as eleccións.

«Menos propaganda electoral e máis investimento, mantemento e atención ás necesidades reais dos portos pesqueiros», reclaman os afectados, que piden ás administracións responsables que actúen para garantir unhas instalacións dignas e unhas condicións adecuadas para o traballo dos profesionais do mar.

Os usuarios e veciños de Corrubedo agardan que esta denuncia sirva para que se tomen medidas canto antes e que o porto reciba a atención que merece.