A Xunta reafirma o seu compromiso coa igualdade con medidas de conciliación, educación e emprego

Eloína Ingerto destacou no Parlamento galego as iniciativas para impulsar o emprego feminino, visibilizar o talento das mulleres e avanzar na sensibilización social.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026. A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade de xénero durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego.

Ingerto subliñou que a igualdade constitúe unha prioridade transversal para o Goberno autonómico e asegurou que a Xunta traballa “os 365 días do ano pola igualdade, polo respecto, por seguir rompendo fendas de xénero e por seguir avanzando na igualdade que abre portas e que suma”.

Durante a súa intervención, a directora xeral repasou as principais medidas impulsadas polo Executivo galego para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria. Entre elas, salientou as iniciativas destinadas a fomentar o emprego feminino, especialmente nos sectores tradicionalmente masculinizados, así como as políticas de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral e á corresponsabilidade.

No ámbito educativo, destacou a incorporación da perspectiva de xénero como ferramenta para promover a igualdade desde as primeiras etapas da formación e contribuír á eliminación de estereotipos e desigualdades.

A responsable autonómica puxo tamén en valor a plataforma Presentes, que reúne máis de 2.000 profesionais galegas e máis de cen mulleres referentes da historia, co obxectivo de dar visibilidade ao talento feminino e ofrecer referentes ás novas xeracións.

No eido da sensibilización, salientou o labor dos centros Quérote+ e dos puntos lila e arco da vella, iniciativas orientadas a promover a igualdade, fomentar o respecto e contribuír á prevención das violencias e das discriminacións.

Por último, Eloína Ingerto asegurou que a Xunta continuará avanzando nesta liña de traballo, reforzando as medidas que están a demostrar a súa eficacia e o seu impacto positivo e promovendo novas iniciativas para responder aos retos actuais en materia de igualdade de xénero.