
A formación denuncia que o Concello leva máis de cinco meses sen responder a unha solicitude de información pública e reclama a publicación dos datos sobre a xestión das colonias felinas.
UCIN Boiro manifestou o seu apoio á reclamación presentada pola Asociación de Juristas Animalistas (ADJA) o pasado 14 de outubro de 2026 ante a Comisión da Transparencia de Galicia contra o Concello de Boiro, pola falta de resposta a unha solicitude de acceso á información pública sobre a xestión das colonias felinas do municipio. Ademais, a formación solicita a dimisión da concelleira de Medio Ambiente pola falta de actuación e resposta nesta materia.
Segundo a documentación presentada por ADJA, a asociación rexistrou o 4 de maio unha petición de información sobre cuestións como o censo e rexistro das colonias felinas, o programa municipal de xestión e aplicación do método CER (captura, esterilización e retorno), os orzamentos destinados á esterilización, desparasitación e atención veterinaria, así como os convenios con clínicas e entidades protectoras. A solicitude tamén incluía información sobre a formación e os carnés das persoas coidadoras.
Malia o tempo transcorrido, a entidade denuncia que non recibiu resposta municipal, unha situación que motivou a presentación da reclamación ante o organismo autonómico de transparencia.
Precedentes en casos semellantes
No seu escrito, ADJA fai referencia a dúas resolucións da Comisión da Transparencia de Galicia, do 26 de maio de 2026, favorables aos solicitantes en casos relacionados coa xestión das colonias felinas nos concellos de Porto do Son (089/26) e Chantada (075/26).
Desde UCIN Boiro consideran que a cidadanía ten dereito a coñecer como se xestionan os recursos públicos destinados ao benestar animal. «Os veciños teñen dereito a saber como se empregan os recursos públicos. A transparencia non é unha concesión do goberno local, é unha obriga legal», sinala o coordinador da formación, Miguel Piqueras.
Un plan integral de protección felina
UCIN Boiro lembra que xa en decembro de 2025 presentara unha proposta para impulsar un plan integral de protección felina no municipio. Entre as medidas formuladas figuraban a instalación de casetas-refuxio seguras e dignas nas zonas con colonias, comezando pola Praza da Mancomunidade; o mantemento periódico destas estruturas; o apoio efectivo ao método CER; a coordinación coas persoas voluntarias e a entrega dos carnés oficiais ás persoas alimentadoras.
A formación considera que estas actuacións son necesarias para mellorar as condicións de vida dos animais e organizar adecuadamente a xestión das colonias. Neste sentido, lembra que a Lei 7/2023 de protección dos dereitos e o benestar dos animais establece obrigas específicas para os concellos nesta materia.
Ante o que cualifica como unha falta de planificación e de resposta municipal, UCIN Boiro entende que a concelleira de Medio Ambiente debe asumir responsabilidades políticas e pide a súa dimisión.
«Non é aceptable que o Concello non responda a quen lle pide documentos e cifras sobre o benestar animal. Alguén ten que dar a cara», afirma Piqueras.
A formación aclara que esta petición de dimisión responde exclusivamente á posición política de UCIN Boiro e non implica á Asociación de Juristas Animalistas (ADJA).
Esixen unha resposta inmediata do Concello
Finalmente, UCIN Boiro reclama ao goberno local que responda á solicitude presentada por ADJA, faga públicos os datos requiridos e poña en marcha sen máis demora as medidas propostas para mellorar a protección das colonias felinas.
A formación tamén reitera a súa disposición a colaborar coas persoas voluntarias que, segundo sinala, levan anos traballando no coidado destes animais e asumindo tarefas que considera que deben contar co respaldo e a implicación efectiva do Concello.
