
A Biblioteca Vázquez Pintor foi o escenario da presentación dos avances dunha investigación que busca recuperar e dar a coñecer os xogos e enredos vinculados ás peregrinacións ao longo da historia.
A Biblioteca Vázquez Pintor de Melide acolleu onte a presentación e o avance dos resultados do proxecto «Xoguetes, enredos e xogos tradicionais e sustentables no Camiño de Santiago», unha iniciativa desenvolvida no marco da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións que pretende afondar no coñecemento e na recuperación do patrimonio lúdico tradicional asociado ás rutas xacobeas.
O acto contou coa participación do alcalde de Melide, José Manuel Pérez; Paco Veiga, representante da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT); e Apolinar Varela, da Universidade da Coruña e investigador principal do proxecto. A sesión estivo moderada por Antía Freire, tamén da AGXPT, e contou coa ambientación musical do grupo Nós ao noso.
A investigación busca documentar e poñer en valor os xogos, xoguetes e enredos tradicionais relacionados coas peregrinacións ao longo dos séculos, contribuíndo á conservación e difusión dun patrimonio cultural que forma parte da memoria colectiva.
A xornada completouse cunha actividade aberta ao público na Praza das Universidades, onde as persoas asistentes puideron gozar de diferentes xogos tradicionais e achegarse a estas formas de lecer popular.
O proxecto conta coa participación da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, con sede en Melide, e coa colaboración do Concello, reforzando así o compromiso local coa recuperación das tradicións, a transmisión interxeracional da cultura e a promoción de prácticas lúdicas sostibles.
Con esta iniciativa, Melide continúa apostando pola posta en valor do seu patrimonio cultural e pola difusión das tradicións vinculadas ao Camiño de Santiago.
