O PP de Camariñas denuncia a falta de mantemento nos parques infantís do municipio

Os populares alertan do mal estado das instalacións, con ferros oxidados, madeira astillada e plásticos rotos, e cuestionan as declaracións da alcaldesa sobre o seu mantemento.

O PP de Camariñas denunciou o estado de abandono no que, segundo sinala, se atopan varios parques infantís do municipio e criticou as declaracións da alcaldesa, Sandra Ínsua, nas que aseguraba que estas instalacións contan con «moito mantemento».

Desde a formación popular consideran que estas palabras contrastan coa realidade que, aseguran, se pode observar nos espazos de lecer infantil, onde advirten dunha importante falta de conservación e mantemento.

Segundo o PP, as imaxes tomadas durante a revisión das instalacións amosan elementos deteriorados que poderían supoñer un risco para os nenos e nenas, como ferros oxidados expostos, madeira astillada e pezas de plástico rotas. Os populares alertan de que estas deficiencias poderían provocar cortes ou outros accidentes e consideran que o estado dos parques está lonxe das condicións de seguridade que deberían ofrecer.

A formación tamén cuestiona que o Concello estea a realizar unha supervisión periódica destas zonas de xogo e asegura que foi tras revisar novamente o seu estado cando a alcaldesa se pronunciou sobre a cuestión.

«Coma sempre, a rebufo nosa», critican desde o PP, que acusa o goberno municipal de reaccionar despois de que a oposición poña o foco nestas deficiencias.

Os populares consideran que o mantemento dos parques infantís debe ser unha prioridade municipal e reclaman que se actúe para corrixir os problemas detectados, co obxectivo de garantir que os máis pequenos poidan desfrutar destes espazos en condicións axeitadas.

«Non se xoga coa seguridade dos máis pequenos», conclúen desde o PP de Camariñas, que insiste na necesidade de prestar atención ao estado das instalacións e evitar que o deterioro poida derivar nun accidente.