
O estudo de Manuel Amigo Ferreiro e Joám Evans Pim analiza, mediante técnicas de xeorreferenciación, a relación entre o axedrezado románico europeo e as rutas históricas de peregrinación a Compostela.
A Asociación Costavales presentará no XIV Congreso Internacional de Estudos Xacobeos unha investigación sobre a distribución do axedrezado románico en Europa e a súa relación cos Camiños de Santiago. O encontro, que se celebrará en Mérida, acollerá a comunicación titulada «El ajedrezado en el paisaje románico europeo: análisis georreferenciado de su relación con los Caminos de Santiago».
O traballo está asinado por Manuel Amigo Ferreiro, presidente da Asociación Costavales, e polo investigador Joám Evans Pim. A investigación é froito de varios anos de traballo dedicados á localización, catalogación e análise territorial de igrexas e monumentos románicos que conservan este elemento decorativo característico da arquitectura medieval.
A través de ferramentas de xeorreferenciación e análise espacial, os investigadores estudaron a distribución xeográfica do axedrezado e a súa posible vinculación cos itinerarios históricos de peregrinación a Santiago de Compostela. Os resultados permiten identificar patróns recorrentes de asociación entre esta decoración arquitectónica e diversas rutas xacobeas en distintos territorios europeos.
Segundo os autores, os datos obtidos abren novas perspectivas para o estudo das redes históricas de peregrinación e para comprender o papel que determinados elementos do patrimonio arquitectónico puideron desempeñar na organización e identificación dos camiños medievais cara a Compostela.
A Vía Céltica, entre as liñas de investigación
O estudo ten un especial interese para Galicia, nomeadamente para a investigación sobre a Vía Céltica, un itinerario atlántico de peregrinación cuxa recuperación histórica e patrimonial promove a Asociación Costavales.
Neste ámbito, a análise do patrimonio románico constitúe unha nova ferramenta para avanzar no coñecemento das rutas históricas e da súa conexión coas redes europeas de peregrinación. Os investigadores consideran que os datos recompilados achegan elementos de interese para afondar no estudo da Vía Céltica e na súa integración no conxunto de itinerarios que conflúen en Santiago de Compostela.
A aceptación da comunicación no XIV Congreso Internacional de Estudos Xacobeos supón un recoñecemento ao labor investigador desenvolvido desde Galicia e permitirá presentar os resultados ante especialistas en historia medieval, arqueoloxía, historia da arte, patrimonio cultural e estudos xacobeos.
Para a Asociación Costavales, a participación neste encontro internacional representa unha oportunidade para dar continuidade ao traballo de investigación, divulgación e posta en valor do patrimonio vinculado aos camiños históricos de peregrinación, así como para impulsar novas colaboracións con investigadores e institucións especializadas.
Asociación Costavales
Avda. Brasil, 69 15840 Santa Comba (A Coruña)
- Teléfono: 655 819 298
- Correo electrónico: consultas@costavales.com
- Web: www.costavales.com
