
O PSOE da Laracha reclama ao Concello unha actuación urxente para mellorar a seguridade viaria na parroquia de Coirón, ante o estado dos accesos e dos cruces, onde a falta de visibilidade dos espellos e a presenza de ramas sen podar dificultan a circulación.
Segundo denuncia a formación socialista, esta situación supón un obstáculo para o tránsito diario de vehículos, especialmente de camións e coches, e pode comprometer a seguridade das persoas usuarias destas vías.
Desde o PSOE da Laracha sinalan que xa se deu aviso ao Concello sobre estas deficiencias, pero aseguran que os problemas de mantemento continúan sen resolverse.
A formación reclama que se adopten as medidas necesarias para garantir unhas condicións adecuadas de visibilidade e circulación, facendo fincapé na importancia de atender as necesidades das parroquias e de evitar riscos innecesarios para a veciñanza.
O PSOE da Laracha insiste na necesidade de actuar con rapidez en Coirón e lembra que o mantemento das vías e dos seus elementos de seguridade é fundamental para o día a día dos veciños e veciñas.
