A oposición da Laracha solicita un pleno extraordinario para pedir a paralización da macroplanta de biogás de Soandres

PSdeG-PSOE e BNG presentan a petición xunto coa Plataforma Stop Biogás A Laracha, que anuncia unha nova mobilización para o 7 de novembro.

A Laracha, 19 de outubro de 2026.– Os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG da Laracha solicitaron este luns a convocatoria dun pleno extraordinario cun único punto na orde do día: a paralización inmediata do proxecto da macroplanta de biogás prevista en Soandres. A petición foi presentada nas instalacións do Viveiro de Empresas da Laracha, acompañados por membros da Plataforma Stop Biogás A Laracha.

A iniciativa responde ás preocupacións da veciñanza, trasladadas á oposición municipal a través de diferentes reunións coa plataforma, que leva meses reclamando medidas para impedir a implantación desta instalación industrial no municipio.

Case 2.000 sinaturas avalan a iniciativa veciñal

A solicitude de pleno prodúcese despois de que o Concello non aceptase suspender cautelarmente o outorgamento de licenzas, unha medida incluída na Iniciativa Popular Local presentada en agosto pola Plataforma Stop Biogás A Laracha, que contou co apoio de case 2.000 sinaturas.

No pleno celebrado en setembro, a corporación municipal deu o visto e prace ao inicio dos estudos necesarios para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co obxectivo de prohibir a instalación de plantas industriais de xestión de residuos destinadas á produción de biogás, así como outras instalacións similares, en solo rústico do municipio cando afecten a núcleos de poboación e ao patrimonio.

Porén, desde a plataforma consideran que estes pasos non son suficientes para frear o proxecto de Soandres e reclaman que o Concello adopte medidas cautelares de maneira inmediata.

«A veciñanza sentimos que o Concello non está a facer todo o posible para paralizar este proxecto, porque podería pedir a paralización cautelar e non o fai», sinalan desde Stop Biogás A Laracha.

Nova mobilización o 7 de novembro

A Plataforma Stop Biogás A Laracha anunciou tamén que está a preparar unha nova gran mobilización social para o sábado 7 de novembro, á que chama a participar a toda a veciñanza, así como ao tecido asociativo, social e político de Bergantiños.

A convocatoria pretende defender o río Anllóns e reclamar unha maior participación cidadá nas decisións que afectan o territorio e a súa contorna.

«Toca volver saír á rúa e mostrar que a veciñanza quere participar e ser tida en conta nas decisións que lles afectan», destacan desde a plataforma.

Coa solicitude deste pleno extraordinario, PSdeG-PSOE e BNG trasladan ao ámbito institucional as demandas do movemento veciñal, que pide a paralización do proxecto da macroplanta de biogás de Soandres e medidas para protexer os núcleos de poboación, o patrimonio e o medio natural da comarca.

Contacto da Plataforma Stop Biogás A Laracha: stopbiogasalaracha@gmail.com