Rois organiza unha convivencia para mulleres na provincia de Ourense os días 21 e 22 de novembro

A actividade está dirixida a mulleres maiores de 18 anos empadroadas no municipio e ten un prezo de 100 euros por persoa. As inscricións poderán realizarse do 29 de outubro ao 6 de novembro en Servizos Sociais.

Rois, 19 de outubro de 2026. O Concello de Rois organiza unha nova convivencia educativa para mulleres, que nesta edición terá como destino a provincia de Ourense. A actividade desenvolverase os días 21 e 22 de novembro e está dirixida a mulleres maiores de 18 anos empadroadas no municipio.

A iniciativa permitirá ás participantes coñecer diferentes lugares de interese histórico, cultural e patrimonial da provincia ourensá, nunha proposta que combina turismo, convivencia e aprendizaxe.

O programa comezará o sábado 21 de novembro cun percorrido polo Mosteiro de Oseira, Allariz e a cidade de Ourense. Na segunda xornada, o domingo 22, as participantes visitarán Celanova e Vilanova dos Infantes.

Inscricións do 29 de outubro ao 6 de novembro

O prazo para inscribirse estará aberto do 29 de outubro ao 6 de novembro, ambos os días incluídos. As solicitudes deberán tramitarse na oficina dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Rois.

Cada participante poderá formalizar un máximo de dúas inscricións: a propia e a doutra persoa, se así o desexa. O prezo da actividade é de 100 euros por persoa, que deberán ingresarse na conta bancaria do Concello de Rois en Abanca: ES64 2080 0328 9631 1000 0060.

Para completar a inscrición será necesario presentar o DNI e o xustificante do pagamento.

Prazas limitadas

As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. Unha vez formalizada a participación, non se devolverá o importe aboado, agás nos casos de enfermidade grave da solicitante ou dun familiar próximo.

O Concello de Rois resérvase, ademais, o dereito a suspender a convivencia se non se acada o número mínimo de participantes necesario para levala a cabo.

Con esta proposta, o Concello continúa promovendo actividades de convivencia e participación entre as mulleres do municipio, ao tempo que favorece o coñecemento do patrimonio cultural galego.